'Pasen e lean': Todo a punto para a apertura da Feira do Libro de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra recupera a súa Feira do Libro. Como xa publicou PontevedraViva, tras nove anos de ausencia o Paseo de Odriozola e a Praza da Ferrería acollerán, do mércores 22 ao domingo 26 de maio, este evento cultural que busca, segundo os seus organizadores, "que non sexa só un acto de compra de libros, senón de contacto coa lectura". Así o destacou a súa coordinadora, Mar Vázquez, durante o acto presentación celebrado este martes.
Participarán un total de 11 librerías, das cales seis son de Pontevedra: Cronopios, Paz, D-Lectum, Seijas, Clip e Cao. O resto das participantes son as librerías Pedreira (Santiago de Compostela), Cortizas (Ferrol), Cartabón e Libros para Soñar (Vigo) e El Faro de los tres mundos (Lugo). Completarán a feira as casetas dunha editorial, A Serpe Edicións, e de dúas institucións, o Instituto Xeográfico Nacional e a Deputación de Pontevedra.
"Hai moito interese do público por esta feira, pero tamén dos libreiros", explicou Mar Vázquez. Tanto que sinalou que "tivemos que pechar a recepción de solicitudes porque non tiñamos espazo para todos". Entre todos ofrecerán unha Feira do Libro que, baixo a denominación, "Pasen e lean", contará con moitos cambios con respecto aos tradicionais eventos similares de anos anteriores "porque había que adaptar as feiras aos novos tempos".
Pola súa banda, Antonio Fernández, representante da Federación de Libreiros de Galicia, explicou que Pontevedra "non podía quedar fora por máis tempo do circuíto de feiras". Afirmou que este evento "aspira a acoller a centos de apaixoados da lectura", grazas a unha extensa oferta de xéneros literarios, e destacou que por primeira vez, tamén terán representación na Feira os libros electrónicos, futuro da literatura neste século XXI.
PRESENTARANSE ONCE NOVIDADES LITERARIAS
Ademais da venda de libros propiamente ditas, que terán un desconto do 10% con respecto ao seu prezo en tenda, os organizadores da Feira do Libro prepararon unha ampla programación cultural, orientadas a nenos e adultos, tales como contacontos, espectáculos de maxia, de música, de baile e de teatro. Todas elas celebraranse en espazos habilitados dentro da propia feira.
Paralelamente, a Feira do Libro de Pontevedra acollerá a presentación de once novidades literarias e firmas de exemplares por parte dunha ducia de recoñecidos escritores. Estas actividades poderanse realizar nos stands das propias librerías que, por primeira vez, estarán habilitados para acoller estas presentacións.
Consulta aquí a programación completa da Feira do Libro de Pontevedra.
A Feira inaugurarase este mércores ás 19.00 horas coa actuación do grupo de música tradicional Os Alegres e o espectáculo cómico-musical de Ratman & Bobyn, personaxes creados polos actores Xúlio Abonjo e Marcos Orse. En todo caso, as casetas de exhibición e venda de libros estarán abertos xa pola mañá.
O horario desta Feira do Libro é de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, excepto o sábado e o domingo que se ampliará a súa duración en media hora, pechando ás 14.30 e 21.30, respectivamente.