Miguel Lago, colaborador do programa de Risto Mejide, protagonizará o monólogo do FICBUEU 2019
Por Redacción
A boa acollida que tivo en 2018 o monólogo de Carlos Blanco no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) levou á organización a programar outra actuación para a nova edición, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro.
Nesta ocasión o encargado de amosar os seus dotes humorísticas será o actor galego Miguel Lago, que acadou unha gran popularidade grazas ao programa 'Todo es mentira' de Risto Meijde na cadena televisiva Cuatro. Miguel Lago é un dos colaboradores que realiza comentarios na mesa de humoristas que van dando paso aos vídeos.
Anteriormente tivo aparicións en 'El club de la comedia', en 'Late motiv' de Buenafuente ou en 'La resistencia', de David Broncano. Tamén colaborou co programa Carne Cruda, que emite PontevedraViva Radio.
O domingo 8 de setembro ás 22.00 horas será cando o actor presente o espectáculo 'Miguel Lago en directo', dentro da programación de FICBUEU. As entradas poderán adquirirse a partir do vindeiro 15 de xuño na web do certame. Na súa montaxe é moi pouco politicamente correcto malia o personaxe que interpreta poida parecelo. Miguel Lago tamén interviu en series como 'Las chicas del cable' e 'Curso do 63', ademais en diversos curtametraxes.