Hombres G demostran que seguen tendo tirón
Por Oskar Viéitez
Os veteranos Hombres G demostraron esta fin de semana en Sanxenxo que seguen tendo tirón xa que no Maestral esgotaron as entradas.
O público sanxenxino envorcouse con David Summers e a súa banda, que estiveron á altura das expectativas dos máis de tres mil asistentes a esta segunda xornada do festival.
Os Hombres G atópanse no medio dunha xira nacional na que presentan o seu novo disco, "Resurrección", un proxecto co que recuperan a ilusión da primeira vez, despois de oito anos desde a súa última estrea. Tocaron cancións novas que demostraron que aínda queda corda para longo, pero conquistaron ao público co seu ristra de éxitos dos 80. O patio de butacas ao completo levantouse para corear o retrouso de temas tan míticos como "El ataque de las chicas cocodrilo", "Venezia" ou "Te quiero".
Tras o éxito desta noite, a seguinte cita, o luns día 5, será a primeira de portas abertas, onde a entrada é gratuíta. "A noite de Party FM" vén cargada de artistas: Andy e Lucas, Lérica, Bombai, Atacados, Presumido e Chris Viz animarán unha noite na que a festa está asegurada, para empezar a semana con enerxía. A invitación para asistir aos concertos está dispoñible na web de Party FM.