Un catálogo para visibilizar o talento das artistas galegas do século XX
Por Redacción
De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz. É o percorrido que propón o catálogo que editou a Deputación de Pontevedra para visibilizar o talento das artistas galegas do século XX. Trátase do proxecto "Mulleres do silencio", primeira acción programada no marco dos actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Editáronse 1.000 exemplares deste catálogo de 175 páxinas, en galego e castelán, baseado na exposición que tivo lugar no Museo MARCO de Vigo entre outubro de 2016 e abril de 2017 e na que se deu a coñecer a obra e traxectoria de dezanove artistas galegas vinculadas á pintura.
A obra recolle unha reseña bibliográfica e imaxes das obras máis representativas de Maruja Mallo, Julia Minguillón, María Victoria de la Fuente, Elena Fernández-Gago, Fina Mantiñán, Beatriz Rey, María Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Elena Colmeiro, Soledad Penalta, María Xosé Díaz, Menchu Lamas, Rosalía Pazo Maside, Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Ángela de la Cruz, Mónica Alonso, Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal.
O catálogo divídese en catro bloques, seguindo a propia proposta formulada pola exposición.
A través dos bloques faise fincapé en cuestións coma o seu insignificante protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á Guerra Civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia e o impulso dinamizador que coñeceron as artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que estas artistas comezaron as súas traxectorias nos inicios do século XXI.
A presentación desta publicación, que se celebrou no Palacete das Mendoza, foi un acto cheo de arte, imaxe e música e os asistentes estiveron sentados en orixinais bancos de cartón.
A comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, destacou a importancia do catálogo que "recolle ás artistas mulleres do século XX en Galicia, dende as primeiras xeracións que teñen acceso a unha formación académica ata as últimas xeracións, que xa puideron facelo na súa terra, a través da Facultade de Belas Artes de Pontevedra".
Sarmiento insistiu na importancia de apostar pola formación "para garantir a profesionalidade" pero reivindicou que "pese a ser un 70% as mulleres que rematan Belas Artes e un 30% os homes, cando acceden ao mercado laboral as cifras cambian porque o sistema do poder da arte segue marcado pola invisibilidade e escasa presenza das mulleres".
Tamén tivo a oportunidade de amosar a súa opinión unha das artistas, Almudena Fernández, que incidiu na necesidade de escribir textos sobre mulleres artistas "como único xeito de facer historiografía. Sempre houbo mulleres artistas, pero as que pasaron o filtro da historia da arte é porque existen textos e historiografía sobre elas".
Na mesma liña falou Soledad Penalta, outra das artistas que compoñen "Mulleres do silencio", que destacou que ao longo da historia "houbo mulleres que lles custou moito chegar pero que o conseguiron. A sociedade vai cambiando, pero aínda non estamos no 50% de todo que é o único que pedimos".
Por último, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a necesidade de "poñer voz ao silencio" e deixar unha "proba viva" do traballo das mulleres, "porque o que non se nomea non existe e o que non se escribe non queda na memoria".
Deste xeito, con este catálogo "estamos a poñerlle unha tirita á fonda ferida da desigualdade, pero temos que curala, temos que ir ao fondo da ferida para curala e iso se fai coa educación", xa que recordou que as nenas e os nenos teñen que ter referentes femininos "e hoxe en día fáltanlle porque soamente temos unha mirada masculina".
A presidenta incidiu tamén na "revolución cultural" que vive a cultura e que ten nome de mulleres "cun gran recoñecemento e que son a vangarda da cultura", pero lamentou que a maioría da sociedade non coñeza os seus nomes.