Culturgal xa pensa en 2020: a festa da cultura volverá a Pontevedra do 27 ao 29 de novembro
Por Diego Torrado & Redacción
A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pechou este domingo a súa décimo segunda edición anunciando as datas da edición número trece: do 27 ao 29 de novembro de 2020 en Pontevedra. Atrás quedaron tres días de festa da cultura cunha participación semellante a das últimas edicións, algo máis de 14.000 persoas.
Desde a organización recalcan o valor cualitativo da Feira: a construción dun espazo colectivo e compartido no que empresas, institucións, creadores e público xúntanse anualmente para festexar o feito cultural. O director da feira, Xosé Aldea, destacou que a cita ten un programa cada vez máis participativo, con obradoiros, conversas e encontros con artistas. Que un autor de banda deseñada internacional como Miguelanxo Prado pase horas asinando o seu traballo "é un exemplo desa experiencia Culturgal que queremos que o público leve consigo".
O director da feira destaca que Culturgal é xa un evento consolidado e iso non quere dicir que se acomoda "senón todo o contrario". En 2019 mudouse a estrutura dos stands, o seu material construtivo e o percorrido pola Feira e este domingo, nun primeiro balance, pensa que foi unha medida positiva.
"Unha feira cultural ten que sorprender, queriamos que o cambio fose perceptible desde que entraramos pola porta da Culturgal e conseguímolo", sostén e defende que como organizadores da festa anual da cultura feita en Galicia é a súa obriga "crear un espazo de normalidade para a actividade cultural e todos os seus axentes". Reivindica esta feira como un proxecto colectivo e compartido no que están implicadas todas as administracións, desde o Concello de Pontevedra, anfitrión da Feira, ata o ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Nada máis pechar este 12 edición, mantén que Culturgal artella un espazo "no que atopármonos como sector, como empresas e profesionais do mesmo" e que para o público é unha oportunidade de ter contacto directo coa creación cultural e gozar dunha oferta amplísima cunha entrada a prezo popular.
Esta edición tivo nomes que funcionaron como polos de atracción para o público: Oliver Laxe, Miguel de Lira, Mabel Rivera, Miguelanxo Prado, Jorge Coira, Patricia de Lorenzo, Guadi Galego, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Tanxugueiras, Dios Ke Te Crew ou Xurxo Souto pasaron por Culturgal con gran éxito de público.
Mención especial merecen os éxitos de público colleitados no espazo cinema da Feira: o salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, con 270 prazas, completou o seu aforo para gozar da preestrea o sábado 30 de Eroski Paraiso cos Chévere e Jorge Coira en conversa cos asistentes, e de O que arde, coa presenza do seu director Oliver Laxe, o domingo pola tarde.
Na carpa, centrada na música ao vivo, tamén houbo que cortar o paso ao público por encher o aforo nos concertos de Tanxugueiras e cos rapeiros de Dios Ke Te Crew, con 250 persoas agardando desde unha hora antes do inicio.
O concerto de retorno do grupo Marful con Sabela Ramil congregou máis de 700 persoas, que fixeron posible colgar o cartel de non hai entradas na noite do sábado e que na transmisión en streaming pola Radio Galega chegou a congregar 5.000 persoas seguindo o concerto pola rede.
Na xornada de peche viviuse un momento emocionante coa entrega do Premio do Público Culturgal 2019 ao Festival dos Eidos, promovido pola Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. Recolleu o premio o responsable do festival Uxío Novo, fillo do poeta Uxío Novoneyra cuxa casa é o epicentro do festival, das mans de Víctor López, presidente de Culturgal, e de Xosé Aldea.
O acto de entrega serviu para reivindicar a cultura do rural e do interior "onde pasan moitas cousas aínda que non teñan tanta visibilidade como as que acontecen nas contornas urbanas", tal como indicaban os responsables do festival. Uxío Novo, nun discurso emotivo, lembrou que o mandado do seu pai foi deixar casa e legado a disposición do pobo no territorio que el converteu en poesía: O Courel.
Relacionadas:
-
Case 244.000 persoas participaron en 2019 nas actividades do Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Tres patrocinadores manteñen o seu compromiso co Pazo da Cultura
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O espírito do Nadal vívese no Gaiás e chega en forma de árbore xigante, maxia e urbe de conto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Sábado de público multitudinario e actividade frenética en Culturgal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O 'Tristrás' máis especial de Marful e Sabela, no escenario de Culturgal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
'O Que Arde', de Oliver Laxe, peche de luxo para o Culturgal
Por Enrique Morales |
-
A presenza de Galicia no mundo, da prehistoria á actualidade, sen saír da Cidade da Cultura
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Caeuche un dente? Lévao ao Culturgal para colaborar coa investigación científica
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A violencia contra as mulleres tamén se denuncia no inicio do Culturgal a través dunha performance
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Culturgal abre as súas portas no Pazo da Cultura coa intención de superar os 15.000 visitantes
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |