A presenza de Galicia no mundo, da prehistoria á actualidade, sen saír da Cidade da Cultura

© Diego Torrado

© Diego Torrado

© Cidade da Cultura
Un percorrido pola interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo desde a prehistoria ata a actualidade, 6.000 anos de historia, de interaccións e de diálogo, exposto cunha forte importancia das novas tecnoloxías e a realidade virtual. Así resumiron este sábado Manuel Gago, Anxo Lorenzo e Alexandre González a exposición 'Galicia, un relato no mundo', inaugurada semanas atrás na Cidade da Cultura de Galicia e que se achegou a todos os pontevedreses cunha presentación no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal.
Como se foi conformando a realidade galega e as relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo son o fío condutor desta mostra, na que o visitante pode ver por vez primeira en Galicia destacadas pezas que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.
No Gaiás están entre outros, a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no século XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito–; ou dous Códices Calixtinos.
A historia de Galicia e o lugar que ocupou no mundo poden entenderse mellor a través de, por exemplo, o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán-; o Cancioneiro da Vaticana; ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.
En palabras de Manuel Gago, comisario da exposición, os visitantes que se achegan ata o Gaiás poderán encontrarse unha visión de Galicia como "un territorio dinámico que se está construíndo continuamente na súa relación con outros lugares". O obxectivo é "amosar as interaccións co resto do mundo ao longo de 6.000 anos de historia" e "intentar comprender como o que nós entendemos por cultura galega en realidade está conformado por unha especie de diálogo con múltiples culturas, sociedades, territorios, xentes e ideas".
As novas tecnoloxías son un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas como realidade virtual e aumentada e dispositivos de detección sensorial. A mostra consegue así expandir os obxectos e as historias, traéndoas ao presente e crebando as dificultades de acceso a libros e outros obxectos distanciados do visitante por barreiras de lectura ou de imposibilidade de manipulación.
Entre outras aplicacións, a mostra converte a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permite dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recrea o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante –o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusiona linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.
Concibida como a primeira de tres grandes exposicións que a Xunta de Galicia porá en marcha con motivo do Xacobeo 2021, a partir deste mes de decembro ofrecerá aos visitantes tamén a posibilidade de mergullarse no seu contido dun xeito diferente, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, presentou a exposición este sábado no Culturgal acompañado de Manuel Gago e de Alexandre González, especialista en virtualización do patrimonio e restauración virtual de Xoia Software –empresa encargada dos sistemas interactivos da exposición– e deu a coñecer ese programa especial de visitas comentadas con especialistas.
A través do ciclo 'Historias na encrucillada', todos os sábados pola mañá a partir do 14 de decembro e ata o 12 de abril o público poderá mergullarse en aspectos como a II Guerra Mundial, as invasións vikingas, a Galicia galaicorromana ou a Idade Media e o Camiño de Santiago.
Manuel Gago será o encargado de inaugurar o sábado 14 de decembro este programa de visitas relatorio cun percorrido polas pezas imprescindibles e as grandes liñas e fitos da mostra. A seguinte quenda será o 21 de decembro da man da historiadora Pilar Cagiao Vila, que guiará aos asistentes coa diáspora galega como pano de fondo.
Todas as visitas son de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario rexistrarse previamente en cidadedacultura.gal. Están xa dispoñibles as inscricións para as quendas de decembro, mentres que as seguintes iranse abrindo cada mes a través da mesma web.
‘ESCENAS DO CAMBIO'
Culturgal tamén acolleu este sábado a presentación do festival de inverno de teatro e arte en acción da Cidade da Cultura, 'Escenas do cambio 2020', cuxas entradas saen hoxe á venda en www.escenasdocambio.org e cuxa programación tamén se inclúe nas accións culturais de cara ao vindeiro Ano Santo.
Nesta presentación, Anxo Lorenzo estivo acompañado polos integrantes de Pálido Domingo, que xunto a Los Bravú e Quico Cadaval & Celso Sanmartín & ‘Guti’ conforman a representación galega neste festival escénico internacional, no que participan figuras de renome da escena europea como Ula Sickle, Gisèle Vienne, Dorothée Munyaneza ou Eszter Salamon.
Escenas do cambio 2020
Escenas do Cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción que organiza Cidade da Cultura da man de Pablo Fidalgo, chega en 2020 á súa sexta edición. Unha nova cita na que gozar das propostas máis vangardistas da escena galega, nacional e internacional. O festival cumpre no 2020 a sexta edición presentando dez espectáculos
© Cidade da Cultura
Exposición 'Galicia, un relato no mundo'
Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, céntrase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo. No marco da exposición chegan por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo
© Cidade de Cultura
Presentación da exposición 'Galicia, un relato no mundo'
A Consellería de Cultura e Turismo presentou este sábado no Culturgal un avance da programación de inverno da Cidade da Cultura, na que a exposición 'Galicia, un relato no mundo' terá un papel destacado, cun programa especial de visitas comentadas con especialistas
© Diego Torrado
Manuel Gago, comisario da exposición
© PontevedraViva
Alexandre González Rivas
Alexandre González Rivas, especialista en virtualización do patrimonio e restauración virtual de Xoia Software
© PontevedraViva
Relacionadas:
-
Culturgal xa pensa en 2020: a festa da cultura volverá a Pontevedra do 27 ao 29 de novembro
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O espírito do Nadal vívese no Gaiás e chega en forma de árbore xigante, maxia e urbe de conto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Sábado de público multitudinario e actividade frenética en Culturgal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O 'Tristrás' máis especial de Marful e Sabela, no escenario de Culturgal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
'O Que Arde', de Oliver Laxe, peche de luxo para o Culturgal
Por Enrique Morales |
-
Caeuche un dente? Lévao ao Culturgal para colaborar coa investigación científica
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A violencia contra as mulleres tamén se denuncia no inicio do Culturgal a través dunha performance
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Culturgal abre as súas portas no Pazo da Cultura coa intención de superar os 15.000 visitantes
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |