Faemino y Cansado, Carlos Blanco, Manuel Manquiña ou David Guapo, cita co mellor humor en Sanxenxo
Por Redacción
Unha carpa de 800 metros cadrados destinada a servir como escenario a un amplo programa de actividades e actuacións. ÿ a denominada Carpa do Mar que se despregará no Porto Deportivo de Sanxenxo entre o 3 o 17 de agosto. No programa sobresaen as Noites de Comedia, que permitirán gozar neste municipio das actuacións de varios dos humoristas máis destacados do panorama español.
O mítico dúo cómico Faemino y Cansado será o encargado de inaugurar a actividade desta Carpa do Mar o sábado día 3, xornada na que presentarán en Sanxenxo o seu Parecido no es lo mismo, nunha actuación programada para as 23.30 horas cun prezo de entrada de 20 euros en venda anticipada e de 25 en billeteira.
Xa o xoves 8, este espazo para espectáculos contará cunha actuación dobre do humorista vilagarcián Carlos Blanco, quen ofrecerá dous monólogos diferentes de xeito consecutivo. O primeiro dará comezo ás 21.30 horas e será en galego e o segundo, en castelán, foi programado para as 23.30 horas. Neste caso, ofrécese tanto a posibilidade de acudir a un dos seus espectáculos, que terán un prezo de 10 euros en adiantada e de 15 en billeteira, como mercar un bono, tamén de 15 euros, para asistir a estas dúas sesións de humor consecutivas.
Tamén será dobre a terceira Noite de Comedia da Carpa do Mar, na que, cun bono de 10 euros poderanse contemplar, a partir das 22.30 horas, tanto o divertido espectáculo teatral en galego Malos hábitos, que interpretan as actrices Camila Bossa e Iolanda Muíños; como a representación que Evaristo Calvo fará en castelán de El turista madrileño.
Para o día seguinte foi programada a actuación do humorista e cantante barcelonés David Guapo, un cómico que nos últimos anos ten participado en populares programas de televisión como Buenafuente, El Hormiguero ou Sé lo que hicisteis. Neste caso, a Noite de Comedia dará comezo tamén ás 23.30 horas e terá un prezo de entrada de 17 euros en adiantada e 21 en billeteira.
Chegados xa a mediados de agosto, estas Noites de Comedia en Sanxenxo completaranse coa presenza de Santi Rodríguez o xoves 15, tamén ás 23.30 horas e con entradas a 15 euros en anticipada e 19 en billeteira; e cunha última sesión de despedida o sábado 17 de agosto con Manuel Manquiña, Javier Veiga e Pedro Reyes. Tres destacados cómicos aos que se poderá ver na Praza do Mar a partir das 23.30 horas nunha actuación tripla que terá un prezo de entrada de 17 euros en anticipada e de 21 en billeteira.
ACTIVIDADES PARA OS MAIS NOVOS
A actividade da Carpa do Mar non se limitará ás noites de actuación, senón que entre os días 4 e o 18 do vindeiro mes tamén abrirá ao público cada mañá, de 10.30 a 14.00 horas, reconvertida nunha ludoteca infantil. Será un espazo perfectamente acoutado no que os máis novos poderán gozar, baixo a supervisión de monitores de animación e tempo libre, de múltiples actividades como xogos, talleres, inchables, paracaídas ou música e baile.
Pero ademais, na programación da Carpa do Mar tamén figuran actividades especialmente pensadas para os nenos como a actuación do Mago Mixi o sábado 10 ás 20.00 horas, con 3 euros de entrada; ou as sesións de contacontos de Raquel Queizas o domingo 11. Neste caso, ofreceranse ademais dúas alternativas, unha primeira dirixida a nenos de entre 6 meses e 3 anos ás 19.30 horas e unha segunda para a rapazada de entre 3 e 9 anos ás 20.30 horas. En ambos casos o prezo de entrada será de 3 euros.
A estas dúas propostas haberá que sumarlle ademais a festa infantil gratuíta que terá lugar o martes 13 ás 20.30 horas, na que a diversión correrá a cargo do animador Javi Solla; e a representación do espectáculo de teatro infantil Plof! A historia dun globo que Avoa Youja Teatro levará a cabo o mércores 14 ás 20.00 horas.
LA MUSICA COMPLETA UN INTENSO PROGRAMA
A intensa programación que entre o 3 e o 17 de agosto se despregará neste recinto inclúe tamén a actuación da banda de versións de clásicos do rock and roll The 60`s Show Band, que terá lugar o domingo 4 ás 22.30 horas; e a festa dos anos 70 e 80 que Javi Solla desenvolverá o domingo 11 a partir das 23.00 horas. En ambos casos, as actuacións contarán con entrada libre.
Ademais, a esta longa lista de propostas a Carpa do Mar engade unha gala benéfica, cunha entrada de 5 euros, dirixida a recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro. Terá lugar o luns 12 de agosto ás 22.30 horas e contará coas actuacións do Dúo Prisma e The Covers Band.