Museos e universidades de toda España daranse cita en Pontevedra para falar sobre educación patrimonial
Por Redacción
Representantes dos museos do Prado, o Thyssen e o Museum Cemento Rezola e das universidades de Santiago, Vigo, Valladolid, Murcia, Huelva e País Vasco participarán a finais do vindeiro mes de abril nas 'I Xornadas sobre Educación Patrimonial e Museos'.
Organizadas polo Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), estas xornadas converterán Pontevedra no epicentro da investigación e a innovación sobre a difusión do patrimonio.
As xornadas están previstas para os días 23 e 24 de abril. O obxectivo é atraer persoas relacionadas coa acción cultural e educativa nos museos, mais a asistencia está aberta a especialistas que traballen na educación patrimonial, e estudantado relacionado con Humanidades, entre outro público. A inscrición é gratuíta e pode realizarse na páxina epatrimonio-museopontevedra.gal ata o vindeiro 13 de abril.
A idea é que se consoliden como un foro permanente de discusión todos os anos.
A primeira conferencia, sobre 'Educación patrimonial e avaliación de programas en museos no Observatorio de Educación Patrimonial de España', será ás 16.30 horas do 23 de abril e correrá a cargo de Olaia Fontal Merilla, da Universidade de Valladolid e directora do Observatorio de Educación Patrimonial de España (OEPE).
Posteriormente celebrarase unha mesa sobre experiencias e propostas sobre uso e difusión social do patrimonio en museos na que participarán Ana Moreno (Museo do Prado), Encarna Lago (Rede Museística provincial de Lugo), Rufino Ferreras (Museo Thyssen-Bornemisza), e Paula Tilve (Museo de Pontevedra) nun coloquio moderado por Álex Ibáñez, da Universidade do País Vasco.
O venres comezarase a xornada falando sobre a 'Revisión de investigacións sobre experiencias de innovación educativa en museos' a cargo de Cosme Gómez, da Universidade de Murcia; do relatorio 'Museo haciendo comunidad' de Monika Lukin (Museum Cemento Rezola); 'Educar a unha cidadanía emocionalmente intelixente a través dos vínculos patrimoniais: museo e territorio', por Myriam Martín Cáceres da Universidade de Huelva; 'Mecanismos de difusión cultural e construcción de comunidades máis alá do museo: as redes sociais como axente educativo', a cargo de Miguel Cajigal, da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; e 'Experiencias de Educación Patirmonial e Innovación Social', por Beatriz Comendador, da Universidade de Vigo.
As xornadas pecharanse co debate sobre 'Liñas futuras sobre estratexias, recursos e instrumentos para a difusión do patrimonio cultural desde os museos e lugares patrimoniais', polo propio director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, Olaia Fontal Merilla -Universidade de Valladolid e Directora do Observatorio de Educación Patrimonial de España OEPE-, Myriam Martín Cáceres -Universidade de Huelva-, e Álex Ibáñez -Universidade do País Vasco-.
O director do Museo, Xosé Manuel Rey, explica que a educación patrimonial é un dos aspectos fundamentais a desenvolver no programa de traballo da institución, unha liña de acción dende a que se van promover moitas iniciativas coa renovación da oferta cultural e educativa, a reordenación de obradoiros e en todo o que ten que ver coa mediación cultural