Máis de 200 persoas seguen as sesións das primeiras Xornadas de Educación Patrimonial
Por Redacción
Durante este 4 de novembro e na xornada do venres, o Museo de Pontevedra recibe a conferenciantes de nivel internacional durante a celebración das primeiras Xornadas de Educación Patrimonial, que organiza a institución provincial e a sección de Didáctica das Ciencias Sociais do Grupo de Investigación RODA da Universidade de Santiago de Compostela.
Máis de 200 persoas participan nestas sesións tanto presencial como a través de medios telemáticos. Residentes en Brasil, Cuba, Arxentina, Chile e Portugal asisten ás exposicións que realizan representantes do Museo do Prado, o Thyssen, o Museo de Cádiz ou da Rede museística de Lugo.
A eles súmanse persoas que forman parte das universidades de Santiago, Vigo, Madrid, Valladolid, Murcia, Huelva, País Vasco ou Porto, entre outras.
Ao longo da primeira xornada analizouse a educación patrimonial en relación cos obxectivos da Axenda 2030 e profundouse sobre a mediación cultural dos Museos.
Xosé Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, afirmaba durante este inicio que este evento nace coa intención de permanecer no tempo para converterse nun espazo de intercambio de coñecemento experto sobre a promoción de vínculos e afectos sobre o legado patrimonial.
A xornada deste venres terá o seguinte contido:
9:30-11:00 Mesa 3. Os museos e a dimensión social do patrimonio. Coordinan: Ana Estévez, Museo do Pobo Galego; Paula Tilve, Museo de Pontevedra; e Beatriz Comendador, Universidade de Vigo.
11:45-12:30 Relatorio 2. Ana Moreno, Museo Nacional do Prado.
12:30-13:00 Conclusións e propostas de futuro.