A guía da Sala Castelao do Museo actualízase con máis de 360 ligazóns
Por Redacción
A 'Guía da Sala Castelao' actualizábase estes días, coincidindo coa celebración das Letras Galegas e co Día dos Museos, e conta con máis de 360 ligazóns de imaxes, fotografías e documentos para conseguir datos sobre as obras dunha das salas máis características do Museo de Pontevedra dedicada ao ilustre autor galego.
Esta guía, elaborada polo alumnado de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, pretende ser unha ferramenta para aquelas persoas que estean interesadas na vida e nas obras de Alfonso Rodríguez Castelao. Ao ser unha guía dixital, pode empregarse para realizar unha visita virtual e tamén para cando se asista á sala do Museo.
As imaxes recollen obras que influíron na creación de Castelao, como a obra da pintora rusa Natalia Goncharova na que se inspirou para realizar o anuncio do diario 'Galicia' ou a ilustración do debuxante francés Paul Poncet, que lle suxería o cartel a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Tamén relaciónanse con páxinas nas que se poden obter máis datos sobre persoas vencelladas ao escritor de Rianxo e que tiveron unha relevancia fundamental como Virxinia Pereira, Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal.
Segundo explica Carlos Yus, responsable do departamento de Galego, tamén se ofrecen accesos a documentos que ofrecen luz sobre cuestións polémicas como as opinións expresadas por Castelao sobre a figura de Picasso ou sobre Paul Klee, ou sobre a autoría da canción 'Lela'.
Relacionadas:
-
A exposición "máis ambiciosa" sobre a Xeración Nós, no Museo na primavera de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O Museo de Pontevedra reabrirá o martes 2 de xuño cun 30% do seu aforo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Sala Castelao do Museo xa conta cunha guía didáctica, elaborada polo alumnado de Galego da Escola de Idiomas
Por Redacción |