O gaiteiro Óscar Ibáñez e Xabier Díaz reiniciarán o verán musical en Poio a vindeira semana
Por Redacción
A concellería de Festexos de Poio poñerá en marcha durante este verán unha programación especial que leva por título Reinicia Verán Poio, que comezará o venres 17 coa actuación do gaiteiro de Poio, Óscar Ibáñez. O concerto será no parque Ánkar, na parroquia de San Salvador, a partir das 21.30 horas.
O espazo terá unha capacidade máxima de 400 persoas, que deberán permanecer sentadas durante todo o espectáculo musical respectando as medidas preventivas de distanciamento e seguridade establecidas para evitar contaxios da Covid-19.
As mesmas condicións deberán terse en conta por aquelas persoas que queiran asistir o sábado 18 de xullo, tamén ás 21.30 horas e no mesmo escenario ao concerto que ofrecerá o compositor coruñés Xabier Díaz e as Abufeiras da Salitre. A entrada será libre ata que se cubran todos os asentos.
Xosé Luís Martínez, concelleiro de Festexos, indicou que con estes primeiros recitais iníciase un programa que se distribuirá por diferentes lugares das cinco parroquias do municipio ata finais de setembro con propostas que se adapten ás circunstancias sanitarias actuais. Desde o goberno local de Poio buscan que estas actuacións tamén permitan dinamizar a actividade comercial e a hostalería.
Martínez destacou a importancia de que o público utilice as máscaras protectoras e manteña as distancias para poder asistir a estas actividades alternativas ás xa tradicionais de Poio como a Festa do Mar de Combarro ou a Festa da Ameixa de Campelo, que foron suspendidas este ano.