A maxia continúa na Pedreira: de Pedro Volta ao Mago Teto
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
As choivas da mañá deste mércores 12 non afectarán o desenvolvemento da xornada festiva que continuará ofrecendo numerosas actividades en distintas prazas e espazos públicos da cidade con motivo das Festas da Peregrina.
Ás 19.30 horas, a Alameda acollerá 'Con fusión' de Piscore e ás 20.00 horas será a praza de Cítara o escenario de 'Bailando con contos', un espectáculo de Baobab Teatro que se inclúe nas propostas de 'Ven Trebellar nas Peregrinas'.
Ás 20.00 horas, a poeta Tamara Andrés e Neves Seara realizarán unha performance na praza da Curtidoira dentro da programación de ' Xeiras das Artes', que tamén ofrece a actuación da narradora Bea Campos e da ilustradora Antía Iglesias nos xardíns de María Vitoria Moreno a partir das 21.30 horas.
E continuará 'Pontevedra Máxica', o mellor encontro do público co mundo da maxia. Se este martes actuaba o mago pontevedrés Pedro Volta na Praza da Pedreira, este mércores serán Fran Rei con 'A historia de Brancaflor' a partir das 20.30 horas e o mago Teto co seu espectáculo 'O afiador', ás 22.30 horas, os que se suban a este escenario.
O mago Teto neste espectáculo utilizará as ferramentas típicas que utilizan os afiadores durante os séculos XVIII e XIX como coitelos, navallas, paraugas e tesoiras para ofrecer números espectaculares.
Ademais continuarán os concertos en distintos puntos da cidade e os fogos artificiais sorpresa a media noite.
Relacionadas:
-
Lingua e maxia visual nas Festas
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Do folk á música máis tradicional pasando polo gospel ou o funk, todo nunha soa noite en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Propostas de música celta, indie e world music para a banda sonora do luns pontevedrés
Por Cristina Saiz & Redacción |