Caldas fai balance dun Cultura Quente marcado pola pandemia
Por Redacción
A actividade cultural, festiva e de lecer en Caldas de Reis estivo marcada este verán pola situación sanitaria, de xeito que o Concello houbo que redeseñar a programación cultural municipal.
Baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente na súa 23 edición, Caldas viviu entre o 16 de xullo e o 3 de setembro unha frenética actividade cultural que congregou a preto de 200 artistas, con máis de 30 grupos e compañías e ao redor de 60 actividades programadas, cun grande apoio por parte do público.
A concelleira de Cultura, María López Buceta, facía este luns balance da programación e apuntaba o feito de que "foi a maior aposta por artistas e creacións locais da historia do festival Cultura Quente" e que ademais, dada a difícil situación provocada pola pandemia, "serviu tamén para apoiar de maneira decidida o sector cultural local".
María López afirmaba que "os obxectivos cumpríronse con creces" e fixo fincapé no "gran número de artistas de Caldas ou relacionados dalgún xeito co noso municipio que se deron cita no certame". Entre outros, lembraba as actuacións de grupos e bandas como Soüldiers, Gradín Tom & Reverendo, Dj Xaby, Dj Óscar, Dj Moe, Os meninos, Chorinhos e Afíns, Froján, AnecoiD ou Igloo.
Dentro deste balance, houbo mención tamén ao papel fundamental desempeñado pola Escola Municipal de Música de Caldas de Reis cos seus concertos de "Música da Escola".
A animación de rúa, con todas as medidas de seguridade, permitiu volver gozar dos espazos comúns aos cidadáns caldenses, destacando o "Vermú de Domingo", con grupos de gaitas, fanfarrias e charangas. E coincidindo coas festas patronais, os xigantes e cabezudos.
Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo coas actividades deportivas e lúdicas do programa "Brincadeira".
Así mesmo, a 23ª edición de Kaldarte, incluída no festival, deixou en Caldas máis de 20 intervencións artísticas esparexidas por todo o casco urbano, mostrando a Vila Termal dende unha perspectiva rompedora e diferente.
O festival foi deseñado co obxecto de favorecer un impacto positivo sobre a actividade comercial e hostaleira. A isto contribuíu a diversificación de espazos, como As Palmeiras, o Campo da Torre ou A Tafona, e o encargo a unha empresa local, Global Setup SL, do son, a iluminación e a produción dos espectáculos.
O alcalde, Juan Manuel Rey, coincidiu en valorar a proposta cultural estival como "un éxito, tanto pola afluencia de público, como por satisfacer a demanda de ocio neste verán tan particular e por contribuír á reactivación da economía local apostando pola nosa vila e os nosos artistas".
O rexedor tamén puxo en valor a rigorosidade á hora de cumprir as normas de seguridade fronte a covid-19 e remarcou que "o público tivo un comportamento exemplar e demostrou máxima responsabilidade ante a situación sanitaria en todos os eventos".
Relacionadas:
-
Cultura Quente regresa a fin de semana con dobre escenario nas Palmeiras e a Carballeira
Por Redacción |
-
Caldas organizará en agosto a edición número 24 do certame Kaldarte
Por Redacción |
-
Caldas reserva 20.000 euros para apoiar a organización de eventos deportivos e culturais
Por Redacción |
-
Cultura Quente bota o peche na Carballeira de Caldas cun concerto de música clásica
Por Redacción |
-
Meraki abre a última semana de Cultura Quente e Igloo pechará o festival
Por Redacción |
-
Caldas reforza o cartel dunha nova semana de "Cultura Quente" que coincide coas festas patronais
Por Redacción |
-
Máis de 100 artistas e 20 agrupacións locais pasarán en agosto polo Cultura Quente 2020
Por Redacción |