Cultura Quente regresa a fin de semana con dobre escenario nas Palmeiras e a Carballeira
Por Redacción
Continúa a programación do Festival Cultura Quente en Caldas de Reis con catro actuacións musicais para esta fin de semana, segundo informaba a concelleira de Cultura María López.
O venres pola noite, nas Palmeiras, ás 21:30 horas, actuará Broken Peach, unha das bandas galegas con máis seguidores en Youtube, con preto de 140.000, e un total de 20 millóns de reproducións dos seus vídeos. Esta banda, definida como Rock&Soul, presentará o seu repertorio de versións máis características co seu característico toque "Broken".
No mesmo espazo, a partir das 22:45 h. chegará a quenda da banda caldense Igloo, que xa conta con seis discos e con máis dunha década percorrendo os principais festivais nacionais. Nesta ocasión repasarán parte do mellor do seu repertorio compartindo escenario con outros artistas locais, como Miguel Froján, Icíar Monteagudo Zamorano e Saleta Fernández, cantante da banda Favorita de Cuntis.
O sábado pola noite, a partir das 21:30 h. actuará tamén nas Palmeiras a orquestra Pequeña Gran Compañía, fundada en 2010 e liderada por Amor Herrera e Sergio Ariel. Especializada en música pop, baladas, rock español e internacional, nesta ocasión presentará tamén seu traballo "Tándem" interpretando de forma moi persoal cancións dos países de orixe dos seus membros, Arxentina e Cuba.
O domingo ás 21:30 h. na Carballeira actuará Ancestros, agrupación vinculada a Caldas e á súa comarca, que interpreta música celta con influxo nórdico e fusións étnicas e tradicionais. Este concerto forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, que promove a música en galego e en directo en todos os concellos da provincia.
Para completar a programación de Cultura Quente, o Grupo de Gaitas As Espiñas animará a vila termal co Pasarrúas Vermú de Domingo.
Relacionadas:
-
O Festival Cultura Quente celebra o seu 25 aniversario
Por Redacción |
-
Cinco días de concertos na Carballeira para conmemorar as festas patronais de Caldas
Por Redacción |
-
O músico caldense Froján presentará o sábado na Tafona o seu novo disco
Por Redacción |
-
Cultura Quente volverá fomentar a creatividade local neste verán 2021
Por Redacción |
-
Caldas fai balance dun Cultura Quente marcado pola pandemia
Por Redacción |