O músico caldense Froján presentará o sábado na Tafona o seu novo disco
Por Redacción
A programación cultural municipal para este verán que se presenta por segundo ano baixo o nome do seu emblemático festival "Cultura Quente", volve esta fin de semana coa música de DJs e as actuacións de agrupacións da localidade.
O Concello de Caldas apostou este segundo ano de pandemia pola creatividade dos artistas locais e adaptou todo o programa as condicións de seguridade sanitaria. Os eventos desenvolveranse en varios espazos da vila co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalería, ao tempo que se ofrece apoio o sector cultural local.
O prato forte desta fin de semana terá lugar o próximo sábado a partir das 21.30 horas no anfiteatro da Tafona co concerto de Froján no que o artista caldense e o seu grupo presentarán ante o público da súa vila o seu último disco "Huír". Este traballo musical está conformado por 12 cancións compostas durante o tempo que durou o confinamento domiciliario por coronavirus no pasado 2020. Trátase dun CD no que o músico caldense relata a súa experiencia vital nun tempo que o marcará de maneira "dura e íntima". Froján e o seu grupo estarán precedidos na Tafona por Dj Moe, que iniciará o espectáculo unha hora antes.
Xa para o domingo contarase de novo coa animación de rúa, que nesta ocasión correrá a cargo do grupo de gaitas Maquía, unha formación de música tradicional da parroquia caldense de Godos que desde hai máis de 10 anos engade notas de tradición e boa música a calquera festexo ou evento.
A concelleira de Cultura, María López, animou aos veciños "a participar nas actividades e ás persoas doutras zonas a visitar Caldas para gozar da programación cultural e da creatividade local, así como a desfrutar do noso fantástico comercio e a nosa excelente hostalería".