Cinco días de concertos na Carballeira para conmemorar as festas patronais de Caldas
Por Redacción
Caldas encara unha semana máis de programación de verán baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente, que por segundo ano se organiza adaptado á situación de pandemia. A concelleira de Cultura, María López, informou hoxe de que coincidindo coa semana na que deberían ter lugar as Festas Patronais, o cartel de actividades e música en vivo refórzase nesta ocasión con ata 12 propostas artísticas da máxima calidade.
Os emblemáticos xigantes e cabezudos de Caldas de Reis son o elemento común a todas as festas patronais dende hai décadas e tampouco van faltar nesta ocasión. Animarán as rúas cada mediodía, desde o día 13 ata o 16 acompañados da música do Grupo de Gaitas As Espiñas.
Xa no apartado musical, chega esta semana o grupo Galifunk que actuará o día 13 no marco do programa Cultura no Camiño dentro da programación do Xacobeo. O concerto terá lugar na Carballeira a partir das 21.30 horas. O sábado, día 14, a Banda de Padrón engadirá notas de tradición bandística e boa música ao vermú na praza das Palmeiras. O concerto celebrarase a partir das 12.30 horas. Xa pola noite a Carballeira acollerá un dos pratos fortes coa actuación ás 21.30 horas de María do Ceo.
O domingo 15 á mesma hora e en idéntico escenario MITIC ofrecerá o seu concerto espectáculo. Ao día seguinte, luns día 16, e tamén no marco do programa Cultura no Camiño chega a Caldas Talabarte, que actuará na Carballeira ás 21.30 horas. Para finalizar a programación, o martes 17 terán lugar a partir da 21.30 horas na Carballeira os concertos de Broken Peach e de Igloo aprazados por chuvia o venres pasado.
Relacionadas:
-
RADIO.- Igloo publicará en febreiro o seu sétimo álbum, que xa avanza a súa madurez musical
Por Marisa Ciordia |
-
Marisé Canda e Ana Fariña expoñen as súas 'Lembrazas da Vila' en Caldas
Por Redacción |
-
Cultura Quente regresa a fin de semana con dobre escenario nas Palmeiras e a Carballeira
Por Redacción |
-
O músico caldense Froján presentará o sábado na Tafona o seu novo disco
Por Redacción |
-
Cultura Quente volverá fomentar a creatividade local neste verán 2021
Por Redacción |