O Festival Cultura Quente celebra o seu 25 aniversario
Por Redacción
O Festival Cultura Quente cumpre este ano o 25 aniversario do seu comezo no ano 1998, no que se celebrou a primeira edición.
A presentación realizouse este martes no Auditorio Municipal da man do alcalde, Juan Manuel Rey e a concelleira de Cultura, María López Buceta.
As datas serán do 6 de xullo ao 6 de agosto, un mes de actividades e accións musicais, artísticas, divulgativas e de ocio.
Cultura Quente naceu como unha manifestación singular de expresión e compromiso, impulsada polo concello de Caldas como un proxecto de desenvolvemento local. No ano 2000 o festival era declarado como "Acto emblemático de la Cultura de la Paz" pola Unesco, debido á celebración do Ano Internacional pola Cultura da Paz.
O nome do festival "Cultura Quente" fai referencia tanto ao carácter das augas termais de Caldas como á idea de cultura comprometida, viva e participativa que está sempre presente na súa programación e que converten a Caldas nun punto de encontro cultural.
Para conmemorar o aniversario realizarase unha exposición dos carteis musicais das 25 edicións, que mostrará moitas curiosidades e rememorará grupos míticos nacionais e internacionais, ademais dunha exposición de camisetas e material dos concertos, incluindo fotografias orixinais de Los Ramones, coa firma orixinal de Marki Ramone, único compoñente que segue vivo e que tocou a batería na Carballeira.
Nesta disciplina musical hai que destacar os concertos gratuitos dos anos iniciáticos e a aterrizaxe do festival PortAmérica que pasou a formar parte do Cultura Quente e que agora celébrase na azucreira de Portas.
Así mesmo na programación deste ano, e no apartado musical poderemos gozar coa cantante local Madalena Gamalho co seu novo disco "Invento", tamén con Samudra Trío, Sheila Patricia que presenta o seu novo traballo "A Moura" e o 30 de xuño actuará Xosé Manuel Budiño na Carballeira, dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra.
Tamén se celebrará do Encontro de Bandas de Música que organiza a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, e que actuará xunto coas bandas invitadas que son a Banda Artística de Merza, Banda de Música Cultural de Bandeira.
Igualmente de 25 aniversario estará a atividade de Kaldarte, que comezou a organizarse coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que este ano volverá a encher o espazo urbano con obras efémeras e virá como artista invitado Xavi Muñoz que fará unha instalación participativa coas persoas de Caldas.
Tanto o alcalde como a concelleira destacaron o inxente número de artistas, músicos, e persoas de moitísimas disciplinas que levan participado co festival de Caldas e que todos eles forman parte deste "festival histórico e pioneiro en galicia, que agora cumpre 25 edicións".