O festival Novos Cinemas dá protagonismo e voz propia ao alumnado do campus
Por Redacción
A xornada inaugural da quinta edición do festival Novos Cinemas dará protagonismo ao alumnado do campus de Pontevedra coa exhibición dunha serie de curtametraxes que elaborarán no marco do obradoiro 'O ceo a medio facer', do cineasta Eloy Domínguez Serén.
Nove estudantes do campus seleccionados na convocatoria aberta por Novos Cinemas participan neste obradoiro, no que realizarán estas pezas audiovisuais, todas co mesmo fío condutor, unha "busca da propia voz".
A actividade botou a andar a pasada semana cunha primeira sesión na que, segundo Eloy Domínguez, se centraron en "familiarizalos con autores de referencia" neste xénero, como Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas e en trasladarlles que neste momento de fraxilidade e incerteza que supón rematar a carreira, "é posible facer cinema" grazas ás novas tecnoloxías.
O obradoiro está centrado nun tipo de cinema de non ficción que ten como común denominador que "é moito máis intimista, moito máis persoal" e dalgún modo axuda ao seu alumnado a explorarse como autor e tamén como persoa.
O cinema en primeira persoa abrangue pezas de carácter máis autobiográfico e outras que abordan cuestións "de carácter social ou familiar", vinculadas sempre "a nosa contorna e cotiandade".
A primeira sesión serviu tamén para afondar nos propios procesos de traballo, "nos que vou filmando e montando paralelamente", deste cineasta, cuxa última longametraxe, Hamada (2018), valeulle o premio á mellor película española no Festival de Cine de Xixón, o galardón á mellor opera prima no Cinéma du Réel e o premio ao mellor director emerxente no Porto/Post/Doc.
Os resultados finais proxectaranse o 15 de decembro na sesión inaugural de Novos Cinemas. Eloy Domínguez destaca o positivo "de que xente que está empezando teña a oportunidade de ver o seu traballo, ás veces o seu primeiro traballo, nun contexto tan propicio para o intercambio de ideas como un festival".
Relacionadas:
-
O Festival Novos Cinemas 05 preséntase cun formato adaptado que poderá seguirse a través da plataforma Filmin
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Estes son os cinco proxectos que forman parte do LAB de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Catro películas inéditas en Galicia competirán na sección Latexos de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Novos Cinemas daralle ao cineasta Luis López Carrasco o seu primeiro recoñecemento en solitario
Por Redacción |