Catro películas inéditas en Galicia competirán na sección Latexos de Novos Cinemas
Por Redacción
Novos Cinemas anunciou este luns as catro películas que formarán parte da súa sección Latexos na quinta edición do festival, que se celebrará entre os días 15 e 20 de decembro. Todas elas serán filmes que non se estrearon en Galicia.
Serán dúas películas arxentinas, Mamá, mamá, mamá (Sol Berruezo) e La última primavera (Isabel Lamberti); e dúas españolas, Anunciaron tormenta (Javier Fernández Vázquez) e ¿Qué hago en este mundo tan visual? (Manuel Embalse).
Cun marcado carácter testemuñal, estas películas conxugan o retrato intimista de comunidades que afrontan inevitables cambios vitais, como é o caso dos dous filmes arxentinos, unha historia oficial que esconde unha barbarie -Anunciaron tormenta- e a obstinada e sensorial procura dun artista singular -¿Qué hago en este mundo tan visual?-.
As catro películas desta sección, a raíz do acordo con Filmin, estarán dispoñibles a través desta plataforma durante a celebración do festival.
O XURADO: RAMIRO LEDO, MANUEL ASÍN E ALBERT TRIVIÑO
A película gañadora da sección Latexos exhibirase nalgunhas das principais salas independentes de España: Numax (Santiago), Zumzeig (Barcelona) e o Círculo de Belas Artes (Madrid), polo que o xurado estará composto por un representante de cada unha delas.
Serán Ramiro Ledo, xerente e programador de Numax; Manuel Asín, coordinador da área de cinema do Círculo de Belas Artes; e Albert Triviño, un dos socios fundadores de Zumzeig e que actualmente é o seu programador e coordinador.
Relacionadas:
-
O Festival Novos Cinemas 05 preséntase cun formato adaptado que poderá seguirse a través da plataforma Filmin
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove películas competirán na sección oficial da quinta edición de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
Estes son os cinco proxectos que forman parte do LAB de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Novos Cinemas daralle ao cineasta Luis López Carrasco o seu primeiro recoñecemento en solitario
Por Redacción |
-
O festival Novos Cinemas dá protagonismo e voz propia ao alumnado do campus
Por Redacción |
-
Isona Admetla, Sergi Moreno, Silvia Lobo e Pepe Coira: asesores do Novos Cinemas #LAB
Por Redacción |