A intelixencia artificial focaliza a cuarta sesión do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos
Por Redacción
Os catedráticos de ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro e Ulises Cortés serán os protagonistas da cuarta sesión do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. A proposta ten como principal obxectivo achegar a ciencia ao gran público e fomentar futuras vocacións científicas, principalmente entre as mulleres.
Este xoves 5 de novembro trataranse diversas cuestións relacionadas co fenómeno da Intelixencia Artificial. Será unha dobre charla que se desenvolverá a través do formato webinar a partir das 19.00 horas e estará a cargo destes dous catedráticos Senén Barro e Ulises Cortés, que abordarán os paradoxos da IA (Intelixencia Artificial) e o humanismo e a ética en relación con este tema que provoca sempre un amplo debate.
Tamén se establecerá un coloquio e unha quenda para preguntas. As persoas interesadas en participar nestas sesións pódense apuntar a través do formulario que figura na páxina web da Deputación de Pontevedra.
Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelgencia Artificial na Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. Tamén é director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixencias (CITUS) e foi galardoado este 2020 cun dos tres premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España da Fundación BBVA polas súas achegas á investigación no campo da IA.
Ulises Cortés é enxeñeiro polo Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey ( ITESM), doutor en 1984 pola Universidade Politécnica de Cataluña, onde tamén é catedrático en Computación e Intelixencia Artificial. Tamén é impulsor do grupo de investigación High Performance Artificial Intelligence (HPAI) do Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona.