A Deputación abrirá o ciclo de conferencias científicas falando das novas terapias do cancro
Por Redacción
A conferencia por internet sobre o cancro a cargo do profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Xosé Ramón García Bustelo abrirá o día 17 de setembro o primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias.
Este ciclo ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da Covid-19, será on line en formato webinar e precisará inscrición previa. Deste xeito, para esta primeira sesión as persoas interesadas en participar poden apuntarse a partir deste martes 1 de setembro na web da Deputación (www.depo.gal).
A charla de García Bustelo que, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, leva por título "Cancro: dos fundamentos ás novas terapias" e nela abordará de forma sinxela cales son as bases moleculares desta enfermidade.
Tamén falará de como ese coñecemento se está a traducir no desenvolvemento de novas terapias dirixidas contra as células tumorais e que teñen efectos colaterais cada vez máis pequenos nos tecidos sans do noso organismo. Así mesmo, estes avances están a cambiar a forma na que os pacientes con cancro teñen que ser diagnosticados e seleccionados para poderen ser tratados efectivamente por esas terapias. Doutra banda, abordaranse tamén os retos que quedan aínda por diante para acadar mellores taxas de curación.
Xosé Ramón García Bustelo é profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. Así mesmo, é coordinador do Programa Científico de Investigación Biomédica en Rede de Cancro e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).
O ciclo Aida Fernández Ríos continuará a partir de outubro con outras seis conferencia por internet, que abordarán temas como a Intelixencia Artificial e o cambio de hora e o fuxo horario, así como cuestións relacionadas coa sanidade, con especial incidencia na Covid-19, o ciclo económico ou a acuicultura e biotecnoloxía, e que estarán impartidas por outras nove destacadas persoas científicas.
Relacionadas:
-
A ciencia con nome de muller volverá difundirse a través do segundo ciclo Aida Fernández Ríos
Por Redacción |
-
A intelixencia artificial focaliza a cuarta sesión do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos
Por Redacción |
-
A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias organizan o ciclo de conferencias 'Aida Fernández Ríos'
Por Oskar Viéitez |