'A lingua das bolboretas', de Manuel Rivas, preséntase no Auditorio coa posta en escena de Sarabela Teatro
Por Redacción
Xa se atopan esgotadas as 30 entradas ao dispor do público que se ofrecían para o espectáculo 'A lingua das bolboretas', unha montaxe teatral da compañía ourensá Sarabela Teatro, baseado no relato escrito por Manuel Rivas.
En 'A lingua das bolboretas' cóntase a relación antes de que estale a guerra civil entre un neno dun pobo do rural de Galicia e un mestre republicano, que defende a liberdade individual de pensamento ao mesmo tempo que defende o valor da natureza e da liberdade.
A montaxe conta coa dirección de Gonzalo Guerreiro e o equipo actoral está formado por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, César Goldi, Fran Lareu e o actor de Vilagarcía Josito Porto, que recibiu este luns un novo galardón, o premio María Casares como Mellor Actor Secundario.
A obra iniciarase ás 20.00 horas do sábado 14 no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, adiantándose ao horario habitual para que se cumpra co toque de queda. As limitacións establecidas polas autoridades sanitarias obrigaron a reducir o número de butacas dispoñibles.
A representación forma parte do convenio cultural asinado entre o Concello de Vilagarcía e o Agadic e intégranse na programación da Rede Galega de Auditorios.