Ele, sen concerto en Pontevedra: "Subir ao escenario é algo heroico nestes momentos"
Por Alejandro Espiño
Non unha, senón dúas veces. Son as ocasións que a covid-19 privou ao público pontevedrés de ver en directo a Elena Iturrieta, unha das voces máis singulares da música española. O seu era un dos concertos do ciclo As Matinés do Principal, que tras ser aprazado previamente fixouse para o 21 de novembro. Pero tampouco poderá ser.
Hai uns días, o Pazo da Cultura confirmaba a cancelación do concerto da artista madrileña e da banda catalá Manel. As restricións impostas en Galicia fixéronos inviables. Desde PontevedraViva, antes desta suspensión, falamos con Ele que, precisamente, reflexionaba sobre o momento complicado que atravesa a industria musical.
"Hai que ser positivos porque non nos queda outra. Isto alóngase moito e unha xa non sabe que vai pasar a semana seguinte", reflexionaba días antes de que se suspendera o seu concerto en Pontevedra. "Temos que seguir adiante porque demostramos que a cultura é segura. É perfecta para lograr unha maior tranquilidade na xente", engadía.
A todos cambiounos a vida esta pandemia, pero os músicos, os artistas en xeral, sodes un dos sectores que peor o está pasando. Como estás a vivir esta etapa?
"Hai que ser positivos porque non nos queda outra. Isto alóngase moito e unha xa non sabe que vai pasar a semana seguinte"
É moi preocupante. Pediuse que isto se regule dalgunha maneira e estanos custando moito. Parece que a cultura non importa e debe ser ao revés. Claro que se pode ir a un concerto. Igual que se pode ir no metro ou nun avión a Canarias. E non pasa nada. Entendo que haxa que reducir as saídas, pero aos poucos tense que ir normalizando todo.
Crees que as salas, moitas delas pechadas desde marzo, poderán aguantar moito máis?
Non é xusto o que lles está pasando. Non se está atallando o problema. Hai salas míticas que levan moitísimos anos ofrecendo cultura e seguen pechadas. Esta situación afecta a moita xente. En Madrid houbo unha campaña para apoialas. Fíxose incriblemente ben e houbo moita xente apoiando da maneira que podía. Pero os medios apenas se fixeron eco diso. Supoño que non interesaba que se removesen un pouco as augas.
Durante estes meses de parón gravaches tres temas: Volverán esos momentos, La primavera que no pudo ser e, máis recentemente, Tu granito de arena. Con mensaxes de esperanza e de recoñecemento ao traballo de tantos colectivos. Que supuxeron para ti?
Ninguén imaxinaba que chegariamos a un confinamento. Era un pouco preocupante ver tantas noticias e imaxes desgarradoras. Con La primavera que no pudo ser, escribín o que me pasaba. Sentía esa necesidade de dar ese punto de esperanza.
Con respecto ás outras dúas, estou agradecidísima con Bankinter porque pensaran en min para interpretar eses temas, con letras de Leandro Raposo. Ver que de súpeto a xente poñía as miñas cancións nos balcóns ás oito, foi emocionante. Á xente chegoulle e enviábanme versións de todas partes. Sacáronme as bágoas.
Antes do confinamento, ademais, sorprendíchesnos a todos co teu hipnótica versión do I Follow Rivers de Lykke Li. Que tiña esa canción para que decidises adaptala?
Levabamos un tempo tocándoa na xira. O que quería era gravala, porque á xente gustáballe moito. É unha canción hipercoñecida que saca unha enerxía boa en quen a escoita. Xa non a facemos nos concertos e facíame ilusión tela gravada.
Para a xente que non che coñeza, que dirías que hai detrás de Ele?
Pois hai, sobre todo, moita ilusión. Non só miña, senón de toda a banda que me acompaña e de todo o equipo de produción. Xa non é que creamos niso, é que tocamos con moitas ganas. É algo máxico. E máis nestes momentos. Ter a oportunidade de subirnos a un escenario é algo heroico. Hai que darlle as grazas a todos os que o fan posible.
Es unha muller que, ademais de abrirse camiño na música, mantén viva a súa outra paixón que é o ensino. Ambas achégante un equilibrio necesario?
"Eu son unha persoa que fai moita autocrítica. Son demasiado autoesixente. Ás veces, esa escuridade báñao todo"
Totalmente. Eu son unha persoa que fai moita autocrítica. Son demasiado autoesixente. Ás veces, esa escuridade báñao todo. Pásame máis na música, porque fai que me salga o lado malo. Esa esixencia que me autoimpoño. Ir a clase todos os días permíteme descoñecer e cambiar o foco. Gózoo moito. Eu necesito as dúas cousas.
Tes dous discos no mercado. O último deles é What Night Hides (2018), quizá máis enérxico que o primeiro. Como foi esta evolución en Ele?
O que hai sobre todo é máis madurez, compositivamente falando. Summer Rain era unha recompilación de anos atrás. Bebía de moitos sitios e acabou sendo unha amálgama de estilos. O segundo ten un fío condutor e estou moi feliz co resultado. E de gravalo en Abbey Road, que é como beber da historia da música. Foi algo único.
Para o terceiro disco lin que, mantendo a túa esencia, queres darlle un toque máis rock
Iso tiña pensado, si. Pero agora mesmo necesito un reseteo. Ver por onde volver coller as ganas. Durante o confinamento non parei. Foi todo moi intenso entre as clases online, compoñendo, facendo vídeos... Chegou un momento que necesitaba parar e agora espero ter unha desconexión total, aínda que sexa unha semana. Así que a realidade é que non sei por onde irá o terceiro. É un misterio ata para min. Pero si, probaremos cousas novas.
Es o exemplo de que as mulleres pisan con forza no panorama musical. Artistas con propostas fantásticas. Hai que reivindicar máis espazos para elas? Para vós?
É que non só cantamos o 8 de marzo e creo que a xente xa o vai a aprendendo. Hai un panorama musical feminino que eu creo que se está facendo notar. Eu, ao estar rodeado de artistas e bandas de todo tipo, non me sorprende tanto. Pero si é verdade que ás veces, en festivais, brillamos pola nosa ausencia e iso hai que melloralo un pouco.
Relacionadas:
-
Cancelados os concertos de Ele e Manel do ciclo Matinés do Principal a causa das novas restricións
Por Redacción |
-
Ele, Manel, SÉS e Carlos Núñez actuarán en Pontevedra no último trimestre do 2020
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- O primeiro concerto da nova normalidade esgotou as entradas na Explanada do Recinto Feiral
Por Cristina Saiz |