Artistas formados na Facultade de Belas Artes falarán ‘Arredor do parado’ co alumnado
Por Redacción
A Facultade de Belas Artes de Pontevedra segue coas celebracións dos 30 anos da creación destes estudos na Universidade de Vigo.
Este venres 18 de decembro os protagonistas da exposición ‘Arredor do parado’, que pode visitarse na Sala X de Belas Artes ata o vindeiro 31 de decembro, participarán nunha mesa redonda dirixida a establecer un diálogo interxeracional co alumnado que estuda no centro do campus de Pontevedra e analizar os diferentes procesos creativos. Esta actividade está aberta ao público xeral, ata completar un aforo limitado a 30 persoas por mor das restricións sanitarias.
"Para facer tanxible ese diálogo interxeracional había que propiciar un encontro, no que compartir co alumnado a experiencia e traxectorias de diferentes artistas", salienta, en declaracións que recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), a doutora en Belas Artes e comisaria de ‘Arredor do parado’, Iria Vázquez, quen tamén se encargará de moderar este coloquio.
Neste faladoiro, que comezará ás 12.00 horas no Espazo 16 de Belas Artes, estarán presentes os artistas e ex-alumnos da Facultade de Belas Artes pontevedresa Rosendo Cid, Rosa Neutro e Berio Molina.
A comisaria Iria Vázquez destaca a diversidade das traxectorias artísticas dos relatores, todas elas de gran relevancia. Un camiño máis centrado na "investigación en torno ao son", no caso de Berio Molina, alumno do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea; pola súa parte, Rosa Neutro "establece a través da súa obra unha reflexión sobre o papel da muller a nivel social e fai unha crítica da desigualdade de xénero, sempre dunha forma moi poética e evocadora"; e a produción artística de Rosendo Cid "está moi vinculada coa palabra, coa escritura e co realce do cotián".
No coloquio abordarase a obra dos tres artistas, a necesidade de profundizar na investigación para favorecer a práctica artística e finalmente unha ollada á situación actual da arte en Galicia, nun contexto marcado pola pandemia.
Relacionadas:
-
Docentes e estudantes de Belas Artes emparéllanse en 'Carótides e coronarias'
Por Redacción |
-
RADIO.- Como amañan os artistas en momentos de pandemia
Por Marisa Ciordia |
-
O campus prepara un cóctel de eventos para revolucionar a axenda científica, cultural e artística da cidade nos próximos anos
Por Redacción |
-
Alumnos procedentes de 11 países desafían á pandemia e trasladan os seus estudos ao campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
30 anos da Facultade de Belas Artes, vistos a través da ollada 'De mestras e mestrados'
Por Redacción |
-
Belas Artes quere crear en Caldas un laboratorio permanente de arte
Por Redacción |