O Concello disolverá o organismo autónomo Pazo da Cultura o Día dos Inocentes
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra celebrará Pleno este próximo luns 28 de decembro, o Día dos Inocentes, no que se disolverá o organismo autónomo Pazo da Cultura que xestiona estas instalacións desde o ano 1998.
Este martes 22 de decembro rematou o prazo de exposición pública para a presentación de reclamacións a esta decisión do Goberno local dentro do Plan Estratéxico para o ámbito cultural en Pontevedra deseñado pola Concellería que dirixe Carmen Fouces.
A disolución deste organismo ten que materializarse antes 31 de decembro. Unha vez que sexa aprobado pola Corporación, o Pazo e o Teatro Principal pasarán a formar parte dos servizos propios do Concello.
Antes desta sesión plenaria terá que reunirse o consello de administración de Turismo de Pontevedra para aprobar as contas do ano 2021 e varios nomeamentos.
Segundo informou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores despois de reunir á Xunta de Portavoces, na parte resolutiva da orde do día do Pleno do día 28 inclúese unha modificación da ordenanza que regula os furanchos no municipio.
A iniciativa partiu da Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, que reclamaron un cambio na normativa para que estes establecementos poidan ampliar o seu período de apertura de forma excepcional ata o 31 de xullo.
Tamén hai dúas mocións que presenta o Partido Popular. Na primeira os populares piden ao Concello de Pontevedra que poña en marcha un Plan de Compromiso Social polo que aspiran que o 10% do orzamento municipal para o ano 2021 destínese a gasto social.
A segunda moción do PP pretende que o Concello inste o Goberno central a que incremente de "forma significativa" as dotacións económicas desta capital e de Galicia.
Relacionadas:
-
Os obradoiros de Migallas Teatro, no limbo
Por Natalia Puga |
-
Froiz e Viaqua seguirán apoiando a cultura de Pontevedra a pesar da extinción do Pazo da Cultura
Por Manu Otero |
-
O espírito do Nadal pasa de longo do Pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O PP "non logra entender" os motivos para a disolución do organismo autónomo do Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Un novo servizo municipal coordinará a actividade do Pazo de Cultura e do Teatro Principal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra reformará o Teatro Principal e disolverá o organismo autónomo do Pazo da Cultura
Por Oskar Viéitez |