'E.T., o extraterrestre' porá fin ao Autocine de Nadal no aparcadoiro de Fexdega
Por Redacción
'E. T., o extraterrestre', o clásico de Steven Spielberg, pechará o ciclo 'Autocine de Nadal' desenvolto durante estas festas no aparcamento de Fexdega con gran éxito de participación.
A última sesión chegará este xoves 7 de xaneiro a partir das 19.30 horas. A proxección será gratuíta e destinada a un público familiar. É necesario reservar praza de maneira previa na ligazón http://vivetix.com/autocinevilagarcia
Todas as sesións esgotaron as 150 prazas dispoñibles para vehículos no recinto. Desde a concellería de Xuventude de Vilagarcía de Arousa solicitan ás persoas que reserven praza e que, finalmente, non poidan asistir, cancelen a reserva contactando coa organización a través da mesma páxina web. Desta forma, as invitacións poderán estar dispoñibles para outros espectadores. Inicialmente, para a sesión do xoves xa se atopan cubertas todas as prazas, pero recoméndase ás persoas interesadas que se manteñan pendentes da web por se se rexistra algunha baixa.
Os restaurantes da contorna, segundo indican desde o Concello, están a realizar tamén menús especiais que ofertan para o público asistente coa idea de realizar a consumición durante a proxección ou recolléndoo para degustalo ao termo da película na súa vivenda.
'E. T.' é unha das películas máis taquilleras da historia do cinema. Foi estreada en 1982 e lograba catro Óscar. A película conta a chegada dun ser extraterrestre procedente doutro planeta e as súas relacións cunha familia, que lle acolle no seu domicilio.