Ponteatro, ao rescate do sector cultural con tres funcións 'extra' entre febreiro e maio
Por Alejandro Espiño
O teatro volverá ser unha das grandes apostas da programación cultural de Pontevedra para o primeiro semestre do ano. Ao ciclo Domingos do Principal sumaranse tres funcións de Ponteatro, que adianta a súa chegada para contribuír á recuperación do sector cultural galego.
A edil de Cultura, Carmen Fouces, explicou que con esta aposta "ambiciosa" polo teatro galego Pontevedra quería facer un "esforzo" para "reflotar" a unha cultura que sufriu os envites da crise provocada pola pandemia da covid-19.
Estas sesións 'extra' de Ponteatro, que como sempre se nutre dos espectáculos que integran a oferta da Rede Galega de Teatro, arrancarán o 25 de febreiro con Comando comadres, da compañía Matrioshka Teatro.
Nesta obra, a través do humor, a ironía e a retranca, un grupo de 'artivistas' ataca ás múltiples manifestacións da violencia sexista e cuestiona a persistencia dos seus valores.
O 11 de marzo será a quenda de Feminíssimas, creada por De Ste Xeito Producións. É un espectáculo que aborda as diferentes "concepcións" do feminismo, segundo Fouces.
Nela, tres amigas da infancia que hai quince anos que non se ven reencóntranse en Vigo por un congreso feminista, no que cada unha delas vén representar un feminismo diferente: o feminismo radical, o feminismo liberal e o postfeminismo.
O mozo da última fila pechará estas tres funciones o 20 de maio. Trátase da adaptación que Redrum Teatro fixo dun texto de Juan Mayorga que xa foi adaptado con éxito ao cinema.
Está protagonizada por un mozo que apenas participa en clase nin mostra interese pola súa educación ata que se cruza no seu camiño un profesor que consegue captar a súa atención.
As tres obras representaranse no Teatro Principal, onde salvo que se alivien as actuais restricións pola covid-19 haberá un aforo máximo de 98 persoas.
As entradas, que terán un prezo de 8 euros para o público xeral e de 4 euros para parados, xubilados e estudantes, poderanse adquirir en Ataquilla.com e no despacho de billetes do Principal ata unha hora antes de cada función.
Tras estas tres funciones no primeiro semestre do ano, Ponteatro regresará no outono coa súa programación habitual, segundo avanzou a responsable municipal de Cultura.
Relacionadas:
-
Redrum Teatro representará este xoves 'Hamelin', un espectáculo sobre os abusos á infancia
-
A aclamada "O mozo da última fila", próxima cita do ciclo Ponteatro no Principal
Por Redacción |
-
'Feminíssimas' abre este xoves o ciclo de actuacións de Ponteatro
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Aprazan pola covid 'Comando Comadres', a obra que abriría o ciclo Ponteatro
Por Redacción |
-
Domingos do Principal sube o pano con "Úniko", da compañía vasca Teatro Paraíso
Por Alejandro Espiño |
-
Dez semanas de teatro infantil sen interrupción nun Domingos do Principal que irá adaptando as butacas á pandemia
Por Natalia Puga |