Os xoves, Pontevedra ten que botarlle teatro á vida
Por Redacción
Cun cartel coa imaxe provocadora dun can con rostro agresivo baixo unha ducha preséntase Ponteatro, un ciclo que inclúe 7 espectáculos teatrais que se representarán os xoves do último trimestre do ano en Pontevedra, cinco deles no Teatro Principal e dous no Auditorio do Pazo da Cultura.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentou esta proposta indicando que Pontevedra volve recuperar o formato de ciclo teatral porque se trata dunha cidade que se encontra sempre entre as tres de Galicia cunha maior asistencia de público aos espectáculos escénicos, segundo os datos do AGADIC, a Axencia Galega de Industrias Culturais.
As funcións do ciclo Ponteatro comezan o xoves 17 de outubro con O método Grönholm de Talía Teatro. Será no Teatro Principal. A compañía Chévere con Eurozone traerá o seu espectáculo ao Auditorio do Pazo da Cultura o 24 de outubro. As funcións regresarán o 7 de novembro con Ilmaquinario Teatro e o seu O home almofada. O xoves 21 dese mes chegará Anxeliños, unha homenaxe a Vidal Bolaño ofrecida por Espello Cóncavo. A última función en novembro será Tokio3 de Voadora. Xa en decembro, chega o espectáculo As pombas de Carboeiro de Fantoches Baj coa colaboración da Banda de Música de Pontevedra e o 19 concluirá o ciclo con Currículum Vitae de Redrum Producciones. Todos os espectáculos van comezar ás 21 horas.
Os prezos das entradas establécense en 8 euros por función, con unha redución a 4 euros para estudantes, xubilados e parados e xa están á venda. Ademais poderá adquirirse un aboamento para todas as funcións por un prezo de 42 euros. Para estudantes, xubilados e parados, o aboamento sairá por 28 euros. Segundo sinalou a concelleira é o prezo mínimo permitido pola Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Ademais tamén haberá funcións de tres dos espectáculos destinadas a escolares.
Relacionadas:
-
Ponteatro pecha a tempada cun aforo medio de 240 espectadores por función
Por Redacción |
-
Quen disfrazou as esculturas da cidade?
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, penúltima parada de Chévere antes de levar a súa tarantiniana "Eurozone" a Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
'Eurozone' de Chévere e 'O método Gronholm' de Talía Teatro, apostas do Pazo da Cultura para outubro
Por Alejandro Espiño |