Casting para participar nunha curtametraxe sobre a vida da pintora Maruja Mallo
Por Redacción
O Pazo da Cultura acolle este venres, día 20, un casting para seleccionar ás persoas interesadas en participar na rodaxe dunha curtametraxe sobre a vida da pintora Maruja Mallo.
Non se buscan persoas con ningunha característica física concreta, polo que a selección está aberta a todos os interesados. Basta con presentarse no Pazo entre as 19 e as 21 horas.
A curta forma parte dun audiovisual que recolle a traxectoria de tres mulleres galegas moi singulares: La Bella Otero, Maruja Mallo e María Casares, que teñen en común o feito de ter trunfado en Europa a principios do pasado século. Culminada a rodaxe sobre La Bella Otero, comeza agora a dedicada a Maruja Mallo.
O audiovisual, que será rodado en Pontevedra, conta co apoio da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo e a Film Commission de Pontevedra. Naceu dunha subvención outorgada polo Instituto de la Juventud de España (Injuve) como a mellor iniciativa xuvenil en 2013.
A produción está impulsada por un colectivo denominado Proxecto C3, composto por 20 mozos galegos de distintas orientacións profesionais e que, na súa meirande parte, están actualmente desempregados. Un colectivo que ten non só inquietudes artísticas, senón preocupación pola pobreza e a marxinación. De feito, escolleron as figuras destas tres mulleres pioneiras, nacidas en Valga, Viveiro e A Coruña nun contexto histórico moi restritivo, como exemplo de loitadoras que conseguiron saír adiante superando as dificultades. Un camiño que os mozos galegos de hoxe tamén deben percorrer por mor da crise económica.