220.000 euros destinará a Deputación para fomentar a lingua galega en concellos e entidades culturais
Por Redacción
O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra publicou as bases para acceder ás subvencións destinadas tanto aos Concellos como ás entidades culturais sen ánimo de lucro para que desenvolvan actividades que fomenten a utilización da lingua galega durante este ano 2021.
María Ortega, deputada responsable desta área, sinala que o total das axudas alcanza os 220.000 euros. As bases contemplan unha serie de novidades respecto a outras edicións anteriores.
En primeiro lugar, priorizan as actividades organizadas por concellos que dispoñan de Servizo de Normalización Lingüística e permitirán financiar varias actividades sempre que se atopen dentro dunha programación de potenciación da lingua. Con esta decisión, segundo a deputada, quérese favorecer a aqueles municipios que mostren unha maior sensibilidade a favor da lingua galega.
Repartiranse 120.000 euros entre as entidades solicitantes e 100.000 euros entre os concellos da provincia que conten cunha poboación inferior a 50.000 habitantes. As accións subvencionadas deberán fomentar o uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade e deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano.
Inclúense entre as actividades subvencionables: certames literarios e xornalísticos; creacións audiovisuais e literarias; feiras; eventos; traballos de sociolingüística e toponimia; fomento do uso do galego no comercio e na industria; ademais de recoñecementos, distincións e captación de neohablantes.
A axuda non poderá superar o 75% do orzamento presentado. O prazo para solicitar as subvencións rematará o próximo 15 de abril.