Ortiga inaugurará o regreso de Cabos Soltos cun concerto na Ferrería o día 23
Por Manu Otero
Cabos Soltos regresa a próxima semana a Pontevedra cunhas xornadas técnicas para profesionais da industria musical e un concerto, o domingo 23 de maio, na Praza da Ferrería a cargo de Ortiga.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, explicou que o regreso deste programa musical nas prazas e rúas da Boa Vila ten como obxectivo achegar visibilidade á cultura emerxente de Pontevedra e dar facilidades aos locais de hostalería que programan este tipo de concertos. Esta vez, todo baixo o paraugas do plan de axudas municipal Supera 21. Este tipo de iniciativas pretenden dar "un balón de osíxeno ao sector creativo e cultural", así como animar ao consumo na hostalería "pero con respecto", matizou Gulías.
O programa comezará o día 19 coa apertura das xornadas técnicas, que durarán tres días, e servirá como espazo de debate e diálogo entre actores de relevancia da industria musical tanto a nivel galego como estatal para achegar solucións para a pospandemia.
O concerto de Ortiga está previsto para as 13 horas do día 23 nunha Praza da Ferrería que contará con todas as medidas sanitarias e de seguridade para previr calquera tipo de contaxio por covid-19. " Vai ser un concerto piloto, de proba", puntualizou a concelleira, quen asegura que en semanas posteriores e tamén despois do verán recuperarase a actividade cultural nas prazas da capital. Ademais, a edila do BNG congratulouse porque na organización deste programa participaron 9 empresas, a maioría delas locais.
O contido das charlas técnicas explicouno de forma máis detallada a organizadora Patricia Hermida. Cada unha das sesións poñerá o foco no contexto dixital que coa pandemia ten agora maior transcendencia na vida laboral dos artistas.
O día 19, Diego Parajó encargarase de achegar ferramentas á industria cultural para optimizar o seu traballo dixital. Ao día seguinte será Miguel Martorell, da distribuidora Altafonte, o que asesore aos participantes sobre a monetización das descargas dixitais ou do streaming. E o venres, a experta en dereito Belén Álvarez, achegará luz sobre a regulación do consumo de música en plataformas dixitais e os dereitos que moitas veces vulnéranse.
Para participar no formato presecial, as charlas tamén poderán seguirse de forma telemática, os interesados deben inscribirse canto antes no formulario habilitado na web oficial de Cabos Soltos. Só hai 25 prazas.
Relacionadas:
-
Cabos Soltos suma medio cento de actividades desde a súa reactivación en novembro
Por Redacción |
-
Un total de 16 establecementos forman xa parte da rede Cabos Soltos
Por Redacción |
-
Un concerto de Niños Mutantes abre unha nova etapa de expansión de ‘Cabos Soltos’
Por Natalia Puga |
-
Marín acollerá unha verbena piloto o 19 de xuño coa orquestra Marbella
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra retoma Cabos Soltos para impulsar a cultura e a hostalería local
Por Manu Otero |