Cerdedo-Cotobade inaugura unha "Sala Castelao" e pon unha edición facsimilar da súa obra ao dispor dos colexios
Por Redacción
O Concello de Cerdedo Cotobade amósase orgulloso dos seus vínculos con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e esta semana puxo en marcha dúas iniciativas que os reforzan e renden homenaxe ao intelectual de Rianxo: unha sala de reunións que pasou a bautizarse 'Sala Castelao' e unha edición facsimilar a súa obra artística acaba de porse ao dispor dos centros educativos do municipio.
O alcalde, Jorge Cubela, e o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Valentín García, inauguraron a nova 'Sala Castelao', a principal sala de traballo do Consistorio, na que haberá unha mostra permanente dos seus debuxos.
Ademais, Cubela anunciou que os tomos de referencia que aglutinan en edición facsimilar a súa obra artística, editados por Boreal Edicións, quedan a disposición da cidadanía en xeral, e máis concretamente, dos centros educativos do municipio, para que poidan consultarse de primeira man o importante contido de volumes de referencia na bibliografía galega.
Cubela e Valentín García aproveitaron esta visita a Cerdedo-Cotobade para a planificación de actividades futuras que terán que ver coa figura do cotobadés Antonio Fraguas como alumno e logo seguidor de Castelao e para falar da reactivación da programación cultural do Concello como membro da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia unha vez melloren as condicións epidemiolóxicas da pandemia da covid-19.
Ademais, o representante da Xunta entregou ao Concello un fondo de libros de Xela Arias, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021.