A Filmoteca de Galicia chega a Pontevedra coa súa programación estendida
Por Redacción
O Centro Galego de Artes da Imaxe–Filmoteca de Galicia está a desenvolver a chamada "programación estendida", pola cal as películas saen da súa sede na Coruña e pasan a proxectarse noutros espazos.
Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense acollen ao longo do mes de maio unha escolma de 18 filmes, dos que se realizarán 26 proxeccións nas sedes dos cineclubs destas cidades: Cineclub Pontevedra, Cineclube Lumière de Vigo, Cineclube Valle-Inclán de Lugo e Cineclube Padre Feijoo de Ourense.
O Cineclube Pontevedra será o encargado de proxectar a única película que chegará á cidade no que resta de mes. Deste xeito, o luns 24 de maio, ás 20:30 no Teatro Principal, exhibirase In the Mood for Love en versión orixinal con subtítulos en español.
In the Mood for Love /Desexando amar (Wong Kar-wai, 2000) é unha coprodución de Francia, Hong Kong e China.
A historia trasládanos a Hong Kong, en 1962. Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un novo piso coa muller. Alí coñece a Li-zhen, unha muller que acaba de se instalar no mesmo edificio co home. Ela é secretaria dunha empresa de exportación e o home está decote de viaxe de negocios. Como a muller de Chow tamén está case sempre fóra de casa, Li-zhen e Chow pasan cada vez máis tempo xuntos e fanse moi amigos. Un día, ambos os dous descobren algo inesperado sobre as súas respectivas parellas.
A programación prevista tanto en Pontevedra coma no resto de localidades pódese consultar na propia web do Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia no seguinte enderezo: https://cgai.xunta.gal/gl/programacion