Marina Núñez, profesora en Belas Artes, expoñerá no Thyssen as naturezas mortas desde unha perspectiva de xénero
Por Redacción
Marina Nuñez, artista e profesora da Facultade de Belas Artes, será a protagonista a partir desta semana e ata o 29 de agosto no museo Thyssen-Bornemisza de Madrid. Nuñez presentará a exposición 'Vanitas', que fai referencia a un subxénero pictórico do bodegón ou natureza morta.
A artista reinterpreta este xénero pictórico "para abordar a nosa actual relación coa natureza desde un punto de vista post-humano, ecoloxista e feminista", destacan dende o quinto museo máis visitado de España no ano 2019. Comisariada por Rocío de la Villa no marco do programa Kora, que leva cada ano ao Thyssen unha exposición concibida desde unha perspectiva de xénero, Vanitas reúne 15 pinturas, vídeos e pezas de cristal tallado con láser, cinco das cales se exhiben nas salas dedicadas aos pintores renacentistas da colección permanente do museo.
Algo que para Nuñez é "un privilexio", xa que considera que o museo é "excepcional e parte da miña educación como artista". Por iso, destaca que cinco das obras que conforman Vanitas se exhiban xunto á colección permanente desta pinacoteca "é moi importante porque permiten aos espectadores entender influencias e liñas de continuidade, así como rupturas e subversións".
As obras da profesora estarán xunto a cadros de Hans Mernling, Jan de Beer e París Bordone. Así, Núñez presentará no Thyssen tres vídeos da serie 'Flores heroicas', nos que lirios, rosas e iris "estalan nunha combustión espontánea e renacen vencedoras no seu combate contra as desigualdades", segundo informa o museo. Tamén dúas pezas gravadas con láser en cristal, que "representan manos ramificadas, practicamente convertidas en árbores” e que se exhiben xunto a dous retratos de persoas sostendo flores, un de Joos van Cleve e outro dun autor anónimo alemán.
Outras dez pezas exibiranse na sala miradoiro do Thyssen, onde poden verse os vídeos da serie Natureza, nos que Núñez alude "ás explotacións naturais e culturais da civilización occidental", ou a serie de debuxos Marejada, "nos que o corpo feminino se mestura con formas vexetais".
Inclúen tamén tres pinturas ao óleo, nas que reflexiona "sobre a relación de conflito entre o ser humano e a natureza", que a artista realizou durante o confinamento.
O fugaz permanece, o humano esvaece
A idea xeral de Vanitas parte de como as mulleres pintoras, "por diversas prohibicións ou exclusións académicas e sociais, non podían pintar os cadros considerados xeniais, os cadros históricos e mitolóxicos, e quedábanlles os xéneros menores", lembra Núñez, que distancia na súa obra "a concepción do bodegón como meramente ornamental" para referirse á "condición orgánica do ser humano e a súa fraxilidade, á conexión entre o corpo e a natureza".
Pola súa banda, Rocío de la Villa destacou que a artista, pese a non ser "en absoluto unha experta en ecoloxía, parece claro que o feminismo e o ecoloxismo comparten un rexeitamento das actitudes fundamentalistas daqueles que sinten que son o canon e o centro do universo", así como "unha vontade de empatía co outro, incluíndo o medio ambiente".