Xuño chega con obradoiros de iniciación ao teatro e creatividade á biblioteca pública de Pontevedra
Por Redacción
A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola terá unha intensa actividade durante o mes de xuño, cunha programación que inclúe un obradoiro Iniciación ao teatro para o público adulto e outro de Creación de dados conta historias para a cativada.
Ambas actividades precisan de inscrición previa e xa pode facerse a través da web deste centro bibliotecario xestionado pola Xunta de Galicia. Tamén está dispoñible toda a información.
Os días 3 e 4 haberá dúas sesións de iniciación ao teatro da man de Manuel Solla. As persoas participantes practicarán técnicas e exercicios de desinhibición, expresión corporal, improvisación, creatividade e relaxación, entre outros.
O día 11 será a quenda do público infantil de seis a oito anos. Os asistentes terán a posibilidade de fabricar un xogo de dados que lles permitirá crear historias segundo vaian aparecendo imaxes en cada tirada. O obxectivo do obradoiro é estimular a creatividade e a capacidade de improvisación, así como a axilidade mental.
Durante todo o mes de xuño tamén continuarán desenvolvéndose os habituais clubs de lectura en galego, castelán e francés e seguirá o proxecto 'Voz de muller'.