Miriam Ferradáns, Patricia Hermida e Cláudia Morán, finalistas do XVIII Premio Fernández del Riego
Por Oskar Viéitez
As finalistas do XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Miriam Ferradáns, polo seu artigo "Dallas", publicado o 10 de novembro de 2020 en Nós Diario; Patricia Hermida, por "Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo", publicado o 5 de maio de 2020 en El Correo Gallego; e Cláudia Morán por "Un deserto", aparecido o 18 de novembro de 2020 en Nós Diario.
O xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato, destacou "a calidade, precisión e esmero de todos os traballos presentados".
Victor Freixanes subliñou que "unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia".
Segundo o presidente do xurado, "estas tres pezas reflicten tres aspectos desa crónica que está presente agora mesmo nos medios. Por unha banda, a temática do coronavirus, que fai que os nosos avós desaparezan e moitas veces non poidamos nin despedirnos deles; por outra banda, unha recreación do mundo que se perde e da Galicia que vai perdendo poboación e se transforma; e finalmente, o tema do Sahara, narrando o abraio dos rapaces cando pasan aquí as vacacións e logo a traxedia de non poder volver cando xa son maiores. Detrás desa despedida sempre hai un desgarro que evidencia a situación de inxustiza das poboacións do Sahara".
Víctor Freixanes tamén quixo destacar o aumento dos artigos presentados, un total de 29, dos que 18 foron escritos por mulleres.