Miriam Ferradáns recibe o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Por Oskar Viéitez
A escritora Miriam Ferradáns recibiu o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, polo seu artigo "Dalias" publicado en Nós Diario.
O Café Moderno de Pontevedra acolleu este mércores o acto de entrega deste premio no que Miriam Ferradáns estivo acompañada das outras dúas persoas finalistas, Patricia Hermida e Cláudia Morán.
Miriam Ferradáns agradeceulles ás súas compañeiras finalistas poñeren en valor o xornalismo literario. "Estou moi orgullosa de estar nominada con outras dúas mulleres, porque agora as mulleres temos a voz e que saiban que non nola van quitar", dixo a premiada.
O director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, lembrou que con cada edición deste galardón "contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura".
Otero Espinar trasladou ás finalistas os parabéns por esta distinción, "porque a concorrencia crecente a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade".
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, presidiu tamén o xurado destes premios con Carlos Valle como secretario e Fina Casalderrey, Cristina Pato e Gloria Rodríguez López, como vogais.
Na súa acta o xurado constatou a "dificultade na elección" debido á "elevada calidade dos tres textos", e como, tras "intensas reflexións" resultou selecionado o texto "Dalias".
Finalmente, o presidente do xurado, Vítor Freixanes, destacou o valor do "talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos".
"Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura", rematou Freixanes.
Relacionadas:
-
Nomes literarios, concepto a analizar na VII Xornada de Onomástica Galega no Museo
Por Anxo Lourido |
-
Claudia Morán, Diego Giráldez e Francisco Castro, finalistas do premio de xornalismo Fernández del Riego
Por Redacción |
-
Novo programa de igualdade da Deputación dirixido ás asociacións
Por Redacción |
-
Miriam Ferradáns, Patricia Hermida e Cláudia Morán, finalistas do XVIII Premio Fernández del Riego
Por Oskar Viéitez |