Novo programa de igualdade da Deputación dirixido ás asociacións
Por Redacción
Activar o tecido asociativo feminino, tecer redes e mobilizar conciencias a prol da sensibilización en igualdade de xénero son os principais obxectivos do novo programa que lanza a Deputación de Pontevedra, "Fiando Redes", que está dirixido ás asociacións de mulleres e outros colectivos, federacións ou fundacións da provincia que teñan como fin prioritario e ámbito de actuación a promoción da igualdade.
A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres as bases cun orzamento de case 277.000 euros.
Deste xeito, a través da iniciativa, a Deputación financiará para estas asociacións distintas actividades culturais, con temática inclusiva e con perspectiva de xénero, coas que se pretende favorecer a socialización das mulleres, activar a súa participación social e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo das artistas que participan no programa.
Do mesmo xeito, supón o inicio da progresiva recuperación dos programas con participación da cidadanía despois das restricións máis duras da pandemia.
As actividades que ofertará a Deputación enmárcanse en cinco bloques: encontros con escritoras, acción escénica, música, mural e faladoiros.
No primeiro caso, trátase de reunións coas autoras galegas María Lado, Dores Tembrás e Miriam Ferradáns, coas que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a creación literaria, ao tempo que se fomentan a lectura, a escritura creativa e a oralidade e valores como a tolerancia e a igualdade.
As accións escénicas integrarán interpretación, música e baile e as asociacións poderán elixir entre os espectáculos da dramaturga, actriz e directora Mónica Sueiro; o recital “Literarias”, con Mariana Carballal, Isabel Blanco e Silvia Penas; e as pezas da creativa e adestradora emocional Baia Fernández ou das actrices Laura Villaverde e Sue Moreno.
As actuacións musicais ofertadas a través de "Fiando Redes" son as das artistas galegas Las Antonias; Regueifas, con Alba María e Lupe Blanco; Zeltia e Nastasia Zürcher, mentres que as artistas que realizarán murais con perspectiva de xénero son Nana, Doa Oa, Laura Tova e Laura Torres.
Por último, no caso dos faladoiros, estarán a cargo da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) e os colectivos poderán escoller entre os seguintes temas: Prevención de violencias machistas, Coñecendo a menopausia; Autocoidados; Ecofeminismo/Sustentabilidade da Vida; A linguaxe inclusiva como motor do cambio; Recursos contra a violencia machista; Muller e Saúde; Estimulación Cognitiva a través do Xogo; Escape Room da igualdade ou Música, Cine, Televisión.
As entidades interesadas deberán solicitar, como máximo, cinco actividades por orde de prioridade entre as mencionadas e a Deputación concederalle a cada asociación unha soa proposta, en función da dispoñibilidade e a orde de petición.
O prazo para realizar as solicitudes, que se formalizarán preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica, comezará un día despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e deberán pedirse cunha antelación de máis de 20 días naturais á data en que se prevea celebrar.
Relacionadas:
-
Miriam Ferradáns recibe o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Por Oskar Viéitez |
-
'Búscase a Talento', campaña da Deputación con concurso escolar para promover o xogo non sexista
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven"
Por Oskar Viéitez |
-
O Mural das Mulleres na Historia de Pontevedra loce como novo
Por Redacción |
-
As 'Defensoras de Dereitos' volven por terceiro ano con dous novos libros e máis actividades na provincia
Por Redacción |
-
Máis dun cento de mulleres asisten ao I Encontro Nacional de Políticas Públicas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
Vinte mulleres referentes para unha "reapertura de Óscar" da Escola de Igualdade María Vinyals
Por Natalia Puga |