Máis dun cento de mulleres asisten ao I Encontro Nacional de Políticas Públicas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción
O I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas arrancaba este xoves no Castelo de Soutomaior cun recordo á desaparecida Isaura Abelairas, a primeira deputada de Igualdade na Deputación de Pontevedra, impulsora da Escola María Vinyals e referencia en igualdade, segundo afirmaba Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra no acto inaugural deste evento.
Máis dun centenar de mulleres, entre as que se atopan vinte expertas en feminismo, participan como conferenciantes neste encontro coordinado pola doutora en Ciencias Políticas e referente feminista. A presidenta provincial avanzou que se trata dunha xornada de reflexión, análise e posta en común coa presenza de grandes conferenciantes sobre a axenda feminista. Ademais, engadiu, trátase dun espazo para alzar a voz e reclamar que esa axenda feminista se sitúe no centro como gran prioridade.
Carmela Silva lembrou que é fundamental que as mulleres se atopen no centro das decisións políticas porque "seguimos vivindo situacións intolerables" e manifestou que a política é "o único instrumento que ten a sociedade para promover cambios". Por iso reclamou a toma de decisións "urxentísimas" para abolir a prostitución ou manter unha posición "radicalmente en contra" dos ventres de alugueiro porque "non hai democracia se seguimos apostando por mercantilizar o corpo das mulleres".
A presidenta da Deputación tamén lamentou a escasa representación das mulleres nos postos nos que se adoptan decisións dentro do poder xudicial, nos medios de comunicación ou no ámbito político.
ROSA COBO DEMANDA RECUPERAR O ESPAZO PROPIO DO FEMINISMO
Na conferencia inaugural, a coordinadora do Encontro, Rosa Cobo, reclamou a recuperación do "espazo propio do feminismo" no momento en que a cuarta onda deste movemento das mulleres atópase contestado por outros axentes unindo o concepto do feminismo ao da diversidade. "Sempre nos colocaron con alguén: igualdade e políticas sociais, igualdade e familia; e agora aparece igualdade e diversidade. Un dos retos do feminismo do século XXI é recuperar o noso espazo", avogou a doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía na súa intervención.
Defendeu políticas feministas que desactiven espazos que sitúan ás mulleres en posicións de subordinación. A cuarta onda feminista, explicou, xurdiu en 2010 e explotou coas manifestacións mundiais do ano 2018, convertendo ao feminismo nun feito "global" porque xa non existen sociedades nas que "as ideas feministas estean ausentes" a pesar da contestación por parte do capitalismo neoliberal.
Segundo expuxo, este capitalismo neoliberal quere converter ao maior número de mulleres en servidoras da violencia sexual, da violencia reprodutiva cos ventres de alugueiro, servidoras domésticas e servidoras laborais. Pediu que o movemento feminista deixe de centrarse nas diferenzas e conflitos internos para traballar cara a fóra fomentando os puntos de unión.
Relacionadas:
-
Analizan e anuncian novas accións para impulsar o papel das mulleres na literatura
Por Redacción |
-
Novo programa de igualdade da Deputación dirixido ás asociacións
Por Redacción |
-
Manifesto "histórico" nun cumio reivindicativo de mulleres escritoras e feministas no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
O 'I Encontro Nacional de Políticas Públicas' pecha o pano cunha crítica ao sistema xudicial e ás desigualdades
Por Redacción |
-
"O negacionismo crece porque cada vez se senten máis fortes. Hai un discurso político que os lexitima"
Por Redacción |