Regresa A Revolta do Umia á aldea cuntiense de Vilar de Mato
Por Redacción
Despois da cancelación en 2020 debido á situación da pandemia, A Revolta do Umia retoma as súas actividades de concertos, cultura e lecer no concello de Cuntis o venres 27 e o sábado 28 de agosto.
Este mércores tiña lugar a presentación desta cuarta edición na aldea de Vilar do Mato, na parroquia cuntiense de Cequeril. No acto participaron o representante do colectivo organizador, Manuel Touriño; a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e os concelleiros José Treviño e María Loureiro, xunto con outros membros da organización e veciñanza da aldea.
Desde a organización informan de que, pola necesidade deter un control de acceso para seguir as indicacións sanitarias sobre o protocolo para eventos pola COVID-19, as entradas para os dous días teñen un custo simbolico de 3 euros, nenos menores de 12 anos de balde, para cubrir gastos de pulseiras, xestión e un vaso personalizado do festival para respectar a contorna natural.
Pódese consultar toda a información na propia web do festival: arevoltadoumia.gal
VENRES 27
O venres 27 ás 13:00 h está programada unha "cata sonora de viños" nun galpón situado na parte antiga da aldea, co acompañamento musical do violinista cuntiense Cibrán Seixo. A continuación, no mesmo lugar proxectarase un documental de rock.
Pola tarde, ás 19:00 h terá lugar a actuación dos grupos Los Marcianos, Ratere e Lisdexia.
SÁBADO 28
A programación para o sábado 28 de agosto comezará ás 10:00 h cunha andaina por unha ruta de sendeirismo pola contorna dos muíños restaurados. Ao longo da mañá haberá un pasarrúas a cargo do grupo Roelo de Cuntis e sesión vermú co DJ Víktor Flores, para rematar cun xantar popular entre coa veciñanza.
Pola tarde celebraranse os tradicionais xogos no río e abrirase unha exposición fotográfica en homenaxe ás mulleres da parroquia. A partir das 19:00 arrincarán os concertos con cinco grupos: Familia Caamagno, Agoraphobia, The Rapants, Fondo Norte e Favorita.
Durante o desenvolvemento do festival, o artista Joseba estará rematando a pintura dun mural de grandes dimensións onde retrata ás tres mulleres máis lonxevas da parroquia de Cequeril