Arousa Inspira retorna neste 2021 con música e accions que amosan o poder da mocidade
Por Redacción
Un verán máis, as rúas de Vilagarcía acollerán o Arousa Inspira, unha proposta para fomentar o patrimonio local e, sobre todo, o talento da mocidade da vila. Nesta edición, ademais, reivindícase a necesidade de espazos para os menores de idade coa idea de que potencien a súa creatividade.
Desta forma, o xoves 26 e o venres 27 de agosto, a Praza de Galicia acollerá actuacións musicais, humorísticas e o Concurso de Concursos, que sae á rúa por primeira vez. Tamén se desenvolverán certames de fotografía e poesía, do mesmo xeito que un taller de pintura.
O xoves 26 a partir das 19.00 horas, Pedro Campos ofrecerá un concerto que combina música tradicional de Galicia con influencias da canción francesa. Os estradenses Rain Slaves serán os encargados, a continuación, de ofrecer rock con temas propios e versións. O humor da AI & Tana pechará as actuacións ao mesmo tempo que o Concurso de Concursos servirá para que os asistentes gañen unha fin de semana nun balneario se acertan as preguntas de cultura xeral.
O venres 27, as actividades desenvolveranse ao longo de toda a xornada a partir das 10.00 horas cunha xincana para corenta participantes. Ás 18.00 horas será a quenda de Dani Barreiro cunha actuación musical na Praza de Galicia, que dará paso a outros artistas de música urbana como Gersio, Was, Sami, B.Tass, Sykor e Sambafernandes. O peche chegará con DJs Mavdba, Slumsherin e Yungvoidy.
Durante os dous días, integrantes de Arousa Moza recollerán sinaturas nunha carpa para que a asociación permaneza na sede actual ou nun espazo de similares condicións.