A Deputación lanza Mulleres no Foco, os Mestre Mateo da igualdade no audiovisual
Por Manu Otero
Cunha gala que nada terá que envexar á dos premios Mestre Mateo, nin á dos Goya ou os Óscar. Así celebrará a Deputación a primeira edición dos premios Mulleres no Foco, unha iniciativa promovida por CIMA (Asociación de mulleres cineastas), que pretende poñer en valor o traballo realizado polas mulleres en todos os ámbitos do sector audiovisual.
O xurado, composto por grandes profesionais do cinema e entidades locais, entregará tres premios de 3.000 euros entre as catorce nomeadas. As gañadoras daranse a coñecer durante a gala, prevista para o día 23 de setembro a partir das 19 horas no auditorio de Afundación de Vigo.
"O obxectivo é poñer en valor ás mulleres no audiovisual, que están invisibilizadas", declarou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en referencia á ausencia de mulleres en áreas como a iluminación ou o guion, entre outras.
A gala estará conducida polas profesionais Nieves Rodríguez, Mila Casal e Sheila Fariña e durante o transcurso da mesma terá lugar a actuación de Guadi Galego.
PONTEVEDRA PLATÓ DE CINEMA
Non foi a única novidade anunciada pola mandataria socialista durante unha comparecencia na que prometía grandes novidades relacionadas coa igualdade e a cultura. Carmela Silva anunciou unha segunda convocatoria da liña de axudas "Pontevedra estudio de cinema", que manexa un orzamento de 90.000 euros para financiar produtos audiovisuais que teñan á provincia como protagonista. Na edición do 2020 financiáronse catro pezas audiovisuais e para este ano xa foron aprobadas seis, pero aínda está aberto o prazo a novas candidatas.
TORNAR ÁS TÁBOAS
O apoio da institución provincial esténdese tamén ao teatro. O programa Tornar ás Táboas, dotado con 80.000 euros, ten como obxectivo levar o teatro aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, ao mesmo tempo, " apoiar aos compañeiros do teatro que ou pasaron moi mal", recoñeceu Carmela Silva.
A Deputación ten programadas xa 36 funcións de 36 compañías teatrais que se celebrarán en 35 pequenos concellos de toda a provincia. A primeira parada desta caravana será no Centro Infantil Príncipe Felipe porque "queremos que vos nenos teñan contacto coa cultura", salientou a socialista.
Outro programa cultural que pon en marcha a Deputación é os chamado Trazos de Pontevedra. En colaboración co Ministerio de Fomento, a Deputación reserva 153.000 euros para labores de dixitalización dos xacementos arqueolóxicos galaico romanos da provincia. A campaña comezará naqueles castros que xa foron musealizados polo Goberno co obxectivo de estendelo a todo o patrimonio a medida que Fomento avance no seu musealización.
Finalmente, e despois do seu peche co estalido da pandemia, a presidenta da Deputación anunciou a reapertura da sala de exposicións do Palecete das Mendoza, en Pontevedra. Nesta sala xa están programadas tres exposicións entre setembro e xaneiro do 2022. A encargada de inauguralo, este venres, será Rosa Crespo coa súa colección de pintura relacionada coa camelia.
O aforo da sala será por agora de vinte persoas e Carmela Silva destaca a elevada demanda de artistas que desexan expoñer nesta céntrica galería.
Relacionadas:
-
Carmela Silva ofrece a provincia como "plató de cine" para reactivar a economía dos concellos
Por María José Pita |
-
A Deputación aprobará o segundo Plan de Igualdade antes de que remate o ano
Por Oskar Viéitez |
-
Os Rías Baixas Fest pasan ao formato audiovisual para combater as violencias machistas
Por Natalia Puga |