O premiado cineasta Sergio Cabrera estará en Belas Artes "dialogando en aberto"
Por Redacción
Baixo o título de Unha conversa con Sergio Cabrera, a Facultade de Belas Artes acollerá este mércores 29 de setembro ás 20.00 horas, no seu espazo 16, un coloquio aberto ao público ata completar aforo e dirixido a afondar "en diferentes temas que teñen que ver coa súa ampla traxectoria profesional e coas súas experiencias en diferentes escenarios do mundo".
O colombiano Sergio Cabrera é un dos nomes de referencia do cinema de América Latina, "un personaxe de grande interese profesional e humano", como o define, no Diario da Universidade de Vigo (DUVI), o vicedecano de Belas Artes, Javier Tudela, que será o encargado de conducir o diálogo xunto coa cineasta e docente da facultade Xisela Franco. Esta charla está organizada coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello de Caldas de Reis, grazas ao irmandamento que ten a vila termal con diferentes entidades de Colombia.
SERGIO CABRERA
Natural de Medellín, Cabrera formouse na Escola de Cine de Londres e é director de numerosas longametraxes, curtametraxes, documentais e series de televisión.
Acadou diferentes recoñecementos por filmes como La estrategia del caracol (1993), premiada, entre outros, no Festival Internacional de Cine de Berlín ou co Goya á mellor película estranxeira de fala hispana.
Así mesmo, a súa traxectoria vital, desde a súa infancia na China da Revolución Cultural, contribuíu tamén a que a súa figura fose recentemente abordada polo escritor Juan Gabriel Vásquez na novela Volver la vista atrás, publicada neste 2021.