O cineasta Sergio Cabrera visita Caldas de Reis para promocionar o Camiño Portugués e a figura do "Sabio Caldas"
Por Redacción
O recoñecido director de cine colombiano Sergio Cabrera visita desde este martes a vila de Caldas de Reis para promocionar o Camiño Portugués e a figura do científico ilustrado Francisco José de Caldas.
Sergio Cabrera (Medellín, 1950) é director, guionista e productor de cine e televisión en Colombia e en España, recoñecido internacionalmente por películas como "La estrategia del caracol" ou "Águilas no cazan moscas", pola que recibiu a Placa de Oro da Unesco no Festival de Venecia.
A visita de Sergio Cabrera a Caldas de Reis forma parte do irmandamento entre as vilas de Caldas de Reis e Villamaría, no Departamento de Caldas, en Colombia, que promove intercambios culturais, educativos, turísticos e económicos entre os dous países. Neste intercambio tamén colaborou a Axencia de Cooperación e Inversión de Medellín.
Hai que recordar que o Departamento colombiano de Caldas debe o seu nome ao científico ilustrado Francisco José de Caldas (1768-1816), popularmente coñecido como "O Sabio Caldas", fillo adoptivo de Caldas de Reis e prócer da independencia de Colombia.
O alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro Jacobo Pérez recibiron este martes a Sergio Cabrera no Salón de Plenos do Concello e percorreron xuntos un tramo do Camiño Portugués en Caldas, visitando tamén lugares de memoria vinculados coa figura de Francisco José de Caldas.
Estes días o cineasta visitará diferentes localizacións coa perspectiva de promover un documental sobre Francisco José de Caldas e tamén outro sobre o Camiño Portugués sobre o que xa está traballando.
Por outra parte, este mércores, ás 20 horas, intervirá na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo en Pontevedra nun coloquio aberto ao público cos profesores Javier Tudela e Xisela Franco, e o xoves tamén intervirá a partir das 19,30 horas nun diálogo no MARCO de Vigo para dar a coñecer a súa obra cinematográfica e a súa experiencia vital.