Cheo na Alameda da Lama para o debut da nova banda de música municipal
Por Redacción
Centos de persoas asistiron este domingo ao primeiro concerto da renovada Banda de Música de A Lama que, baixo a batuta de Juan Alén Castro, protagonizou unha xornada moi emotiva na que a veciñanza rememorou a tradición musical do municipio.
A banda fixo a súa entrada triunfal na Alameda en medio dos veciños que, postos en pé, aplaudiron o nacemento desta nova agrupación musical.
Entre os compoñentes da Banda de Música de A Lama está un mozo, Juan Vidal, neto do mítico gaiteiro da Lama, quen se dirixiu aos presentes para compartir con emoción e intensidade as gañas que a trintena de membros desta agrupación musical tiñan de amosar o seu talento.
O director da banda, Juan Alén Castro, ademais de agradecer a confianza e asumir a responsabilidade foi levando o devir do concerto e presentando todas e cada unha das pezas.
O concerto de presentación da banda comezou coa interpretación do pasodobre Amparito Roca, para continuar con Campanera, A Santiago voy, Rolandito, Medley Boleros, El Gato Montés, Que rico el Mambo, Churrusqueira, Muiñeira a Pepa, Medley Tuna, Martinika e rematou con O Garrotinho portugués.
Para rematar esta primeira intervención oficial, a banda fixo un pasarrúas de honra de despedida ata A Pedreira, diante do monumento aos músicos para honrar tamén a memoria de Hixinio Cambeses onde se deu por finalizado este acto inaugural.