Tanxugueiras poñerá o broche de ouro ao magosto de Moraña
Por Redacción
O venres 12, a vila de Moraña recibirá a unha das formacións musicais galegas que máis está a despuntar nos últimos tempos. Tanxugueiras actuará o 12 de novembro a partir das 21.30 horas, na Explanada do Multiusos de Moraña.
Ata este enclave desprazouse o alcalde, José Cela, para presentar este concerto, que será o peche de ouro do magosto que organiza o Concello no mesmo lugar a partir das 21 horas e no que ademais de castañas, haberá chourizos e bebidas.
A actuación das Tanxugueiras forma parte do programa Musigal, da Deputación de Pontevedra, grazas ao cal a vila morañesa acollerá a esta agrupación, conformada polas voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, pandereteiras que están a reformular e a evolucionar as músicas de creación colectiva galega.
Autoras de éxitos como Figa ou Midas, veñen de colleitar premios como o de Mellor adaptación de peza tradicional nos Premios La Opinión de Música de Raíz 2020 ou a distinción do seu disco entre a selección dos 20 mellores que fai a World Charts Europe. O seu videoclip de Perfidia tamén quedou finalista nos Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego do 2019.
A entrada, tanto ao concerto como ao magosto, será libre, e desde o Concello pregan que en todo momento se manteñan as medidas sanitarias correspondentes.
Por outra banda, Cela quixo destacar “o gran éxito que tivo a andaina deste domingo”, que congregou a máis de 110 persoas, desprazadas desde Moraña a Barosa en autobús, desde onde partiron cara Valga. “Todo saiu moi ben e a recepción por parte da xente desta actividade foi moi boa”, apuntou o alcalde, que quixo agradecer a súa colaboración ao Club de Atletismo de Moraña e aos membros de Protección Civil de Moraña, Caldas, Portas e Valga. Cela adiantou tamén que se realizarán “outras dúas xornadas, para completar as dúas etapas que quedan ata Santiago de Compostela”, pero que xa se programarán de cara ao ano que vén.