O dúo poético-musical Aldaolado actuará no vindeiro Vermú de Pinto e Maragota
Por Redacción
A festa da diversidade continuará no Gastropazo do Mercado de Abastos o vindeiro sábado 20 de novembro cun novo Vermú de Pinto e Maragota organizado pola Concellería de Igualdade, que dirixe a socialista Yoya Blanco. Nesta ocasión, o dúo poético-musical Aldaolado, composto por María Lado e Lucía Aldao, ofrecerá un percorrido polo seu novo disco Casa!, xogando co público polos recantos da diversidade e empregando a música e a poesía como espazos para os afectos, como lugares aos que chegar e dicir: casa!
O espectáculo terá lugar ás 20:30 horas no espazo gastronómico das instalacións da rúa Serra, con entrada libre ata completar capacidade. "Convidamos a todos os que se queiran sumerxir na celebración da diversidade LGTBI e pasar un bo rato a achegarse ata o primeiro andar do Mercado para desfrutar deste evento de Pinto e Maragota", sinala a edil do PSOE.
O dúo artístico Aldaolado está composto por Lucía Aldao e María Lado, dúas poetas galegas de consolidada carreira, que no ano 2005 decidiron unir os seus nomes e os seus esforzos creativos para dar lugar a esta proposta. Aldaolado é un proxecto artístico orientado á poesía escénica, co que conseguiron facer do recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público, mesmo para aquel que nunca leu poesía. A súa espontaneidade e complicidade en directo é a base sobre a que crearon case unha ducia de espectáculos. Con eles actuaron en centos de escenarios do máis variado, tanto en Galiza como máis aló das nosas fronteiras.
Nos seus espectáculos María e Lucía tratan temas de interese colectivo a través do humor, coma a lingua, o amor romántico, a igualdade de xénero, a vida de poeta e un longo etcétera. Os recitais están pensados para o público adulto e o público adolescente aínda que tamén contan con propostas para o público infantil, coma obradoiros ou unha pequena peza de teatro chamada A Ovella Engracia.
Relacionadas:
-
O II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero, para Carme P.G. Granxeiro
Por Redacción |
-
Igualdade leva a realidade trans aos institutos de Pontevedra da man de Nee Barros
Por Redacción |
-
Pontevedra convoca a segunda edición do seu premio literario sobre diversidade
Por Alejandro Espiño |