Voltage presenta o seu primeiro disco e anuncian que telonearán a The Dictators en Vigo
Por Alejandro Espiño
Recén saído do forno. Así está, como se adoita dicir popularmente, o primeiro traballo discográfico dos pontevedreses Voltage. Trátase do EP Vintage Voltage, composto por seis cancións orixinais desta formación, xurdida do Local de Música de Pontevedra, e cuxo estilo vai desde o rock máis poderoso e setenteiro ata o blues máis clásico, sen esquecer reminiscencias ao funk ou ao rock sureño.
Voltage, formada por Manu (guitarra e voz), Laura Solla (guitarra e coros), Tasio (baixo) e Kike (batería), presentaron este venres este primeiro EP, un traballo autoeditado "porque con los tiempos que corren es lo que hay" e que reflicte perfectamente o rock "enérgico y poderoso" que lles caracteriza e que recorda a algunhas das súas influencias como Led Zeppelin, Deep Purple ou The Brew.
Trátase dun disco "con el que darnos a conocer" e que se venderá, de momento, nos seus concertos. O primeiro deles será este sábado en SalaSon (Cangas). Será un dos moitos que conformarán a xira de presentación do seu debut e nel estrearase Kike, o novo batería do grupo "que ha sido un gran partido para el sonido del grupo". O concerto será ás 22.30 horas e a entrada custará cinco euros, sete con disco incluído.
Pero haberá máis sorpresas. Unha concretamente chea de ilusión aos membros de Voltage. O próximo 30 de outubro actuarán como teloneiros da banda The Dictators. Será nun concerto que se celebrará na sala La Iguana (Vigo).