Carlos Núñez analizará en Pontevedra a relación entre a muiñeira e o trap
Por Redacción
Carlos Núñez protagonizará o vindeiro luns na sede da Vicerreitoría do campus un faladoiro gratuíto baixo o nome 'De Ricardo Portela ao trap'.
Ao seu paso por Pontevedra con motivo da xira de celebración do 25 aniversario do seu primeiro disco 'A Irmandade das Estrelas', o músico falará do libro 'De gaiteiro a gaiteiro', que o Consello da Cultura Galega publicou polo centenario do nacemento do gaiteiro Ricardo Portela.
Ademais, o coloquio, con inicio ás 19:30 horas, abarcará o documental 'Por que o trap contén ritmo de muiñeira? Músicas de moda, universais e de noso', que o artista realizou ao abeiro do fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, da Xunta de Galicia.
O libro 'De gaiteiro a gaiteiro' será un dos eixos deste coloquio, con entrada libre ata completar aforo.
A publicación recolle, ademais de información biográfica sobre Ricardo Portela, a análise pormenorizada que Núñez realizou das claves do seu estilo e técnica interpretativa, así como as transcricións do seu repertorio, conformado por pezas tradicionais, dando como resultado un extenso corpus de máis de 40 obras, entre as que se atopan todas as melodías emblemáticas da gaita galega.
Finalmente, Núñez falará do seu documental sobre a relación do trap e a muiñeira, no que entrevista a musicólogos e lingüistas, á profesora da Universidade de Vigo Rosalía Rodríguez Vázquez, así como outra serie de artistas que están a conectar as músicas tradicionais galegas coas urbanas, como Tanxugueiras ou Boyanka Kostova.
Este dúo, explican desde a organización, "recreou a muiñeira de Cabana, ao igual que Verto fixo o propio coa de Chantada", dúas pezas presentes no repertorio de Ricardo Portela e recollidas no libro 'De gaiteiro a gaiteiro'.
Relacionadas:
-
Carlos Núñez: "O gaiteiro é como un samurai. Somos os gardiáns dun tesouro, a nosa tradición oral"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Xa se pode percorrer a historia da gaita da man dos debuxos de César Lombera
Por Redacción |
-
As gaitas son as protaganistas da nova exposición do Museo
Por Redacción |