Intervencións, obradoiros, conferencias e concertos chegan a Pontevedra da man de 'Vértixe 9. En paralelo'
Por Redacción
Chega un novo programa de intervencións, obradoiros, conferencias e concertos para dar continuidade á novena edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea. Durante tres días, 'Vertixe 9. En paralelo' quere "liberar a música dos espazos de escoita convencionais" e trasladala a diferentes puntos de Pontevedra.
A primeira parada será na Illa das Esculturas, onde se celebrará este domingo ás 11:00 horas o espectáculo 'Un ruído estrano e sagrado', no que catro percusionistas propoñen "unha achega matemática aos sons ruidosos da natureza" como ondas, fervenzas, ventos ou glaciares que chocan contra o mar.
Ao día seguinte, a sala Nemonon acolle, ás 20:00 horas, un concerto de Overture, que se presenta como "un proxecto multidisciplinar onde imaxe, texto e corpo procuran os límites do discurso".
Finalmente, o martes 21 ás 20:15 horas, Buzz, colectivo integrado por Ramón Souto e Mateo Mena, presentan na Igrexa de San Francisco os resultados dun proxecto que realizaron en colaboración co Centro de Recursos Educativos da ONCE, co que previamente desenvolverán un obradoiro. Como explica o profesor Ignacio Barcia, esta actuación, que leva por título 'Diálogo interior', ten como punto de partida o dispositivo electrónico que elaboraron para trasladar a sons o que as persoas con discapacidade visual escriben a través das máquinas de braille.
Esta iniciativa, promovida por Vertixe Sonora en colaboración coa Facultade de Belas Artes e co Concello de Pontevedra, preséntase como unha aposta para achegar a determinados espazos e colectivos unha "arte híbrida e participativa", sinalan desde a organización na que tamén participa Barcia.
O docente e artista é ademáis un dos responsables da instalación artística Arte de Fuga, obra que poderá contemplarse ata o vindeiro martes no IES Torrente Ballester e que "conecta sons ruidosos da natureza e da vida cotiá", desde fugas de auga, ata cámaras de televixilancia, vídeos ASMR. Nela tamén participaron o compositor Ramón Souto e o enxeñeiro industrial Juan Carlos Charro.
Por outra banda, o pasado sábado levouse a cabo na Facultade de Belas Artes un obradoiro da man da artista bielorrusa Tatiana Gerasimenok. No taller, os participantes desenvolveron unha serie de accións que foron rexistradas en vídeo e audio e que pasarán a formar parte da obra 20.30 ozt desta artista, que combina a música, a performance e o audiovisual. Ao día seguinte, Henrique Fernandes e Jorge Quintela, da asociación Sonoscopia, presentaron na facultade a súa instalación interactiva Aquática, na que captúrase o son e proxéctase luz sobre un conxunto de líquidos e elementos electromecánicos e que permanece exposta nestes días no CEIP Froebel.